O vindeiro 13 de setembro inaugurarase no colexio Santa Leonor da Pobra de Trives unha interesante exposición que leva por título “Historia da Medicina Rural Galega”. O Museo do Médico Rural de Maceda achega a esta vila a mostra itinerante impulsada pola Asociación de Médicos Galegos (Asomega) e ambos concellos.
A través de paneis informativos, a exposición describe o marco no que os médicos rurais levaban a cabo o seu traballo a finais do século XIX e principios do XX. Os visitantes coñecerán de primeira man as características do consultorio daquela época, o instrumental ou a evolución das farmacias, entre outros aspectos e nun amplo percorrido pola medicina do século XX.
A mostra completarase cun recoñecemento á medicina rural en Trives nas figuras de Ramón Bermúdez, Alfonso Paz, Gabino García ou Guillermo Bertólez.
Esta exposición itinerante, que comezou a súa andaina na Romería de Raigame (Celanova) chega a Trives despois de visitar Maceda, Sevilla, Alicante e Murcia. Os interesados en visitala poderán acceder de xeito gratuíto na sala de exposicións do edificio de Santa Leonor co seguinte horario:
-De luns a venres, de 10.00 a 13.30 horas e de 16.30 a 18.30 horas.
-Sábados de 11.00 a 14.00 horas e de 16.30 a 18.30 horas.
-Festivos de 11.00 a 14.00 horas.
