Coidando do caldeiro de cobre no que fervía ao longo de horas e horas a comida dos porcos ou correndo polas rúas de Córgomo (Vilamartín de Valdeorras), mentres berraba, canda aos seus compañeiros de clases que ardía unha das palleiras da aldea, tras abandonar as clases do seu mestre zamorano que non entendía o galego. Con estas lembranzas da súa nenez, narradas en clave de humor, arrancaba Anxo Baranga o espectáculo “Movendo marcos”, no que estaba acompañado no escenario por outra valdeorresa, Branca Cotado. Estes dous integrantes de Furafollas Agrupación Teatral actuaban na tarde deste 16 de xullo nos Xardíns da Casa Grande de Viloira (O Barco), no marco do De Perto.
Baranga comentaba como era esa aldea á que chegada da televisión mudaba para cambiar as charlas e intercambios entre veciños polas reunións en silencio no bar para ver a primeira televisión que chegaba alí. “Vivíamos no paraíso, pero cambiáronnos os marcos”, comentaba Baranga, que sendo mozo emigraba a Barcelona, unha cidade coa que se identificaba, onde tamén había cuadras, as vaquerías, pero a esta urbe “tamén lle mudaron os marcos”, e con motivo das Olimpíadas, tamén cambiou.
E fronte a ese punto de vista, o de Branca Cotado, que xa naceu coa televisión e que tamén compartía as súas vivencias familiares, onde a lingua familiar era o galego, pero convertíase en castelán cando se dirixían a ela. E como tamén, co tempo, acabou vivindo en Barcelona.
Con esta función, Furafollas Agrupación Teatral repasaban como mudaba Valdeorras co paso do tempo, reflexionaban sobre a emigración, a perda da memoria e da identidade, pero sempre cun marcado tono de humor.
Este era un espectáculo que se facía agardar no De Perto, xa que formaba parte da programación deste ciclo no 2022, pero por problemas de saúde de Anxo Baranga, quedaba adiado ata este verán do 2024, tal como lembraba antes da actuación a concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta.
Fotos: A.R.