Entroido 2025OurenseÚltima hora

Mugares (Toén) recupera as “Comedias” homenaxeando a Xosé Manuel Piñeiro

 

A Asociación Cultural Entroido de Mugares (Toén) vén de recuperar, 30 anos despois da última representación, as Comedias, pequenas obras teatrais en clave de humor feitas pola veciñanza. Delas desfrutábase na pasada tarde no entorno do local social de Mugares. Comezábase coa actuación do numeroso grupo de cantos de taberna As Cuncas do Son, con máis de vinte compoñentes, un deles membro da asociación organizadora.

Inmediatamente despois, e como xa acontecía no século pasado, os comediantes puxeron en escea un par de obras de Xavier Prado “Lameiro”, escritor ourensán moi recoñecido por saber reflectir perfectamente os comportamentos do ámbito rural galego.

 

 

A continuación, xa nun plano máis actual, puideron verse versións retranqueiras do First Date de Carlos Sobera, entrevistas do Hola Raffaella ou ata o telexornal coas últimas noticias da parroquia. E como colofón a esta divertida tarde, e para sorpresa do público asistente, comezou a soar a recoñecida melodía do Supermartes, para dar paso ao momento máis emotivo e simpático do día, cunhas barbudas azofaifas e uns entregados concursantes do xogo das Superprendas, que non tiveron reparos á hora de espirse.

A presentadora que facía o papel de SuperPiñeiro rematou a actuación sinalando que esta era unha pequena homenaxe, moi merecida, pola importancia que tivo o showman alaricano no entretemento de toda unha xeración.

Aínda houbo tempo para facer entrega do premio do concurso do cartel do Entroido 2025 celebrado entre o alumnado do CEIP Saco e Arce así como aos mellores disfraces infantil, adulto, e grupo, cortesía dos patrocinadores.

Fotos: Asociación Cultural Entroido de Mugares.

Back to top button