A parroquia de Mugares recuperaba neste 8 de febreiro unha das manifestacións do seu Entroido tradicional que se perdera: o Xogo do Galo do Domingo Corredoiro. Trátase dunha tradición xa case esquecida ligada historicamente ao Entroido e conservada en obras como “El Entroido de Mugares” de Florentino López Cuevillas. Ademais con este acto quíxose render homenaxe á figura dun veciño fundamental na transmisión oral desta tradición, Ángel Iglesias “Xelo” falecido o ano pasado aos 97 anos, tal e como destacan dende a Asociación Cultural Entroido de Mugares.
A recuperación baseouse no testemuño achegado en distintas entrevistas ao longo dos últimos anos, recollidas polo etnógrafo Anxo Rosales en 2021 e confirmadas novamente en 2025 pola Asociación Cultural Entroido de Mugares. Nesas conversas quedou documentado que o galo se colgaba da torre do reloxo e que o animal era entregado como premio, información que coincidía con referencias existentes en fontes escritas.
A celebración deste Domingo Corredoiro en Mugares comezaba ás 12 do mediodía, á saída da misa, na Praza fronte ao recinto da igrexa. Tal e como se acordou desde a organización, o galo, que antano si era de verdade, nesta ocasión foi substituído por un boneco, mantendo o carácter simbólico do xogo e eliminando o uso de animais. A dinámica consistiu en saltar para intentar collelo, reproducindo o funcionamento tradicional do xogo.
Os participantes e moita da veciñanza asistente acudiron vestidos con roupa tradicional, inspirada en comezos do século XX, recreando a estética popular do tempo no que se celebraba. Os tres primeiros en conseguir coller o galo recibiron como premio unha ducia de ovos cada un, recuperando así outro dos elementos asociados historicamente a esta práctica festiva.
A xornada estivo amenizada polo cuarteto de música tradicional Gaiteiros Castrodeallo, que acompañou tanto o desenvolvemento do xogo como o posterior pasabares, no que músicos e veciños percorreron distintos establecementos da parroquia, facendo parada no Bar La Isla e finalizando a celebración no Restaurante Casa Ana, onde se puxo o broche final á festa.
A actividade foi organizada pola Asociación Cultural Entroido de Mugares, coa colaboración do Concello de Toén, e enmárcase no traballo que se vén desenvolvendo para recuperar, documentar e poñer en valor as tradicións propias de Mugares, apostando pola memoria colectiva, a participación veciñal e a transmisión interxeracional.
Fotos: Asociación Cultural Entroido de Mugares.

