En portadaÚltima horaVídeos

Multitudinaria cabalgata de Reis polo Barco

 

Pasadas as seis da tarde deste 5 de xaneiro os Reis Magos chegaban á estación de autobuses do Barco, onde eran agardados por numerosos nenos e familiares. Acompañados dos seus paxes, viñan de percorrer en bus, escoltados pola Policía Local, as diferentes zonas do Barco saudando á veciñanza.

 

 

Tras chegar á estación, e facerse fotos cos cativos e con algúns pais e nais, Melchor, Gaspar e Baltasar íanse subíndose a cadansúa carroza co fin de prepararse para a cabalgata. Cada unha delas estaba especialmente engalanada (a de Melchor con alusións á viticultura, mentres que a de Gaspar recreababa unha barca e  de Baltasar un tren, cargado de carbón).

 

 

A partir de aí, poñíase en marcha a cabalgata, que tras saír dende a estación de autobuses, dirixíase, en medio dunha chuvia de caramelos, ata avenida Conde Fenosa, para percorrer o centro do Barco ata chegar á praza do Concello, onde tiña lugar a recepción oficial aos Reis Magos.

 

 

Durante o percorrido, onde numerosas persoas de todas as idades se concentraban para ver de preto ás súas Maxestades de Oriente, tamén facía acto de presenza a chuvia, o que obrigaba a acelerar o movemento das carrozas que arredor das sete menos cuarto xa alcanzaban a praza do Concello.

 

 

Neste acto, que vén a completar o programada de Nadal do Barco, contábase coa colaboración da agrupación de voluntarios de Protección Civil e tamén coa da Policía Local, que regulaba o tráfico, xa que a travesía permanecía cortada ao tránsito de vehículos durante a cabalgata.

Fotos: A.R.

 

Artigos relacionados

Back to top button