Minutos antes das 12h. numerosas persoas concentrábanse na praza do Príncipe do Barco con ramos de rosas á espera da saída da imaxe de Santa Rita, cuxo día grande se celebra neste 22 de maio nesta vila, que celebra as súas festas.
Precedida pola música da Banda de gaitas da Veiga, e rodeada de multitude de fermosas rosas vermellas como símbolo das que florecían no seu horto durante o inverno, Santa Rita saía do templo que leva o seu nome acompañada de moitas persoas e daba así inicio unha procesión que se dirixía cara a praza do Concello, saía despois por Marcelino Suárez, continuaba por Eulogio Fernández ata chegar a rúa Santa Rita, e logo, iniciar o percorrido de volta ata a igrexa, onde se oficiaba unha concorrida misa concelebrada, na que participaba o arzobispo emérito de Santiago, Julián Barrio, entre outros sacerdotes.
Antes da misa, o párroco do Barco, Jesús Álvarez, bendicía as rosas das persoas presentes.
Durante o percorrido da procesión o tráfico estivo regulado pola Policía Local do Barco.
Fotos: A.R.
Vídeos: O SIL.
