ConcellosEn portadaGalerías de fotosQuirogaÚltima horaVídeos

Multitudinaria Romaría da Ermida (Quiroga), que culminaba coa coroación de Santa María

O Meco e as Pampórnigas reaparecían para abrir a procesión da súa imaxe pola localidade

 

A parroquia de Santa María da Ermida (Quiroga) vivía nesta xornada de 9 de setembro unha data moi especial. Culminaba a celebración da súa romaría na honra da Virxe dos Remedios coa tradicional procesión (co mesmo percorrido que onte, 8 de setembro) a partir das 13h., encabezada pola singular máscara do Meco (desta volta acompañado doutro Meco infantil) e polas emblemáticas Pampórnigas, unha parella de xigantes. Estas tres figuras bailaban ao ritmo da música, interpretada por O Recanto.

 

 

A continuación, un grupo de nenas e mozas, coa traxe tradicional galego, portaban a imaxe da Virxe dos Remedios. A procesión concluía co habitual xesto de reverencia do Meco e das Pampórnigas ao paso da imaxe, no momento de entrar no templo. Este ano, como signo de respecto a María, os estandartes de toda a comarca de Quiroga (concellos de Quiroga, Folgoso do Courel e Ribas de Sil) flanqueaban todo o percorrido ata a igrexa.

 

 

Unha vez concluída a procesión, dábase paso a unha celebración moi especial: a coroación canónica da Virxe dos Remedios, que estaba presidida polo bispo de Lugo, monseñor Alfonso Carrasco, quen cualificaba esta cerimonia como “un regalo á Virxe María, o pobo enteiro tráelle un agasallo coa vontade de honrala do modo máis agarimoso, pero tamén o máis solemne posible. É un xesto profundo de fe e xenerosidade”.

 

 

Tras a homilía, os padriños desta celebración achegaban as coroas (da Virxe e o Neno) ao bispo, que as bendicía e colocábaas sobre as cabezas das imaxes.

 

 

O mordomo da coroación era Manuel Carrete Rivera; e os padriños, María del Carmen Martínez Ínsua, directora de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, e o reitor Santiago García-Jalón de la Lama, en representación da Facultade de Dereito Canónico da Universidade Pontificia de Salamanca.

 

 

Era unha celebración multidudinaria na que se instalaba unha carpa fóra do templo na que se proxectaban as imaxes do acto relixioso, para facilitar que os fregueses puideran seguilo, datas as limitacións de espazo no templo.

 

 

Entre as autoridades eclesiásticas da diócese estaba pervista a asistencia do vigairo de Pastoral, Luis Manuel Rodríguez Pérez; o chanceler, José Manuel Penela Campos; o delegado Episcopal de Liturxia, Relixiosidade Popular e Patrimonio Histórico Artístico, José Antonio Ferreiro; o director do Departamento de Patrimonio Histórico Artístico, Jesús Salvador López.

Entre os representantes civís contábase co alcalde de Quiroga, José Luis Rivera, e co tenente de alcalde de Ribas de Sil, Roberto Castro; e alcaldesa de Triacastela, Olga Iglesias Fontal.

 

 

Despois da misa solemne, comezaba unha sesión vermú coa orquestra Escaparate. Esta mesma formación musical será a encargada de poñer ritmo á tarde e noite. Deste xeito porase o broche a tres días de festa na Ermida.

Fotos e vídeo: O SIL.

 

Artigos relacionados

Back to top button