En portadaGalerías de fotosÚltima horaVídeos

Multitudinario e emocionante combate entre gladiadores en Qui-Roma

Este era un dos actos centrais do programa desta festa castrexo-romana que se celebraba o 20 de agosto en Quiroga

 

A vila de Quiroga recreaba o seu pasado castrexo e romano coa celebración ao longo da xornada do 20 de agosto da festa “Qui-Roma”, cunha notable participación e un intenso programa que se iniciaba xa as 10h. cunha ruta de cabalos e ás 11h. coa apertura do mercado Qui-Romano na praza do Auditorio.

A partir de aí viñan multitude de actividades culturais, musicais e lúdicas, que chegaban ao seu punto álxido ás 20:30h. co desfile Qui-Romano “Arde Loucos”, que se iniciaba xunto á Casa da Cultura e, a partir de aí, percorría a rúa Real desta vila ata chegar á zona do Auditorio. A comitiva, da que formaban parte castrexos e romanos, ía encabezada por unha formación da cabalo, seguida polo personaxe romano Cachelus, portado polos seus servos, así como polo castrexo Melenisa, nun carro de bois.

 

 

Ademais desfilaban os gladiadores, a garda romana Lucus Equites, a gandería de Mario Nogueira e a animada batukada Latexo Percusión, xunto cun numeroso público caracterizado de castrexo ou de romano.

Unha vez na praza do Auditorio, os participantes do desfile preparábanse para dar paso a agardada contenda de gladiadores que se desenvolvía no anfiteatro. Nela loitaban castrexos, nalgúns casos mulleres como Andrea, contra romanos. Ao final da contenda, que remataba entre aplausos do público, Andrés Novoa, un dos membros da Asociación Qui-Roma (organizadora desta festa en colaboración co Concello de Quiroga) amosaba o seu agradecemento “ao público que volveu encher este anfiteatro tras dous anos en Qui-Roma debido á pandemia”, así como ás persoas e entidades que colaboraron coa organización para facer posible este evento, mencionando á garda Lucus Equites e a gandería de Mario Nogueira, así como ás persoas que encarnan aos personaxes da festa e tamén aos gladiadores, xa que “o fan de xeito totalmente desinteresado e estiveron unha semana preparándose para o combate”. Ademais Novoa amosaba o seu desexo de que “no 2023 o Qui-Roma sexa moito máis grande”.

 

 

Tras o combate, o programa desta festa continuaba cunha cea, co concerto do grupo indie Malenne, así como con discomóbil e festa con Dj ata a madrugada.

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button