Xa é oficial: a primeira edición do MEABE celebrarase o sábado 4 de outubro de 2025, ás 16:30 horas na aldea de Meaba (Toén). Trátase dunha mostra audiovisual anual, organizada pola Asociación Cultural Entroido de Mugares co patrocinio do Concello de Toén e coa colaboración de Adega Gandarela, que se presentaba esta mañá.
Durante o acto, Roberto Álvarez, presidente da asociación organizadora, subliñaba que “o obxectivo do MEABE vai máis alá de ser unha simple mostra: pretende converterse nun punto de encontro para creadoras e creadores”, un espazo de inspiración e un revulsivo para quen investiga, documenta e mantén viva a tradición do Entroido.
Os organizadores afirmaron que “a elección de Meaba como sede non é casual”. Celebrar a mostra nesta pequena aldea de Toén “é tamén unha aposta por dar vida ao rural e devolverlle protagonismo ás aldeas”, demostrando que desde elas tamén se pode xerar cultura, futuro e cohesión social.
E de aí ven o nome da mostra, “a aldea dende fai anos mantivo unha dualidade cos nomes, uns chámanlle Meaba, outros Meabe… e nos quixemos xogar un pouco con esa orixinalidade”, sinalou Roberto nun momento da súa intervención.
Como orixinal é a mostra, a primeira centrada íntegramente no Entroido. “Cónstanos que non hai outra igual, cando menos, na Península Ibérica” afirmaba.
Para esta primeira edición, os espectadores poderán desfrutar do documental de CeltaMedia para o Celta, obras de Lembrame.gal, Laura Prieto ou da propia Asociación Cultural Entroido de Mugares. Pola parte musical do video de Uxía Lambona e a Banda Molona e do catoirense Baiuca, e polo apartado promocional dunha obra de Carlos Urban para a Deputación de Ourense e dos spots publicitarios de Lapera para R Cable.
Remataba o acto da presentación Ricardo González, alcalde de Toén, que manifestou “agardar que esta cita se consolide como un referente anual tanto para os creadores como para os espectadores, e que contribúa a difundir e fortalecer unha das tradicións máis significativas da nosa cultura: o Entroido”.
Fotos cedidas.