
O vindeiro sábado 10 de maio ás 18:00 h, terá lugar na Sala Multiusos do Concello de Vilar de Barrio a inauguración oficial do Museo de Escritores e Escritoras de Vilar de Barrio, unha iniciativa impulsada polo alumnado de quinto e sexto de Primaria do CEIP desta vila, en colaboración co Concello.
“Este museo nace coa intención de poñer en valor a literatura galega e visibilizar o traballo de escritoras e escritores relevantes, de ámbito local, tanto escritores nacidos, como con obra relacionada co noso concello, destacando o papel da cultura no medio rural. O proxecto, con máis de 30 autores e autoras e 70 obras, ten un carácter itinerante, xa que o museo percorrerá diferentes aldeas do concello nos vindeiros meses, e ao final do verán quedará instalado de maneira permanente na propia biblioteca do concello de Vilar de Barrio, para uso e gozo de toda a veciñanza”, segundo avanzan os seus promotores.
A inauguración enmárcase dentro das actividades culturais organizadas polo Día das Letras Galegas, e contará cun concerto musical e un mercadiño de libros, abertos a toda a veciñanza e visitantes.
O proxecto foi ideado, deseñado e realizado polo alumnado, “cun forte compromiso coa lingua, a identidade e a creatividade. Esta acción educativa supón unha mostra do potencial do traballo colaborativo entre centros escolares e institucións locais”, destacan os promotores.