CulturaCulturaÚltima hora

Nacho Samena chega ao Barco cun espectáculo de maxia e música no que “nada ocorre por azar”

Este artista lucense presentará 'Suxestión' este sábado 21 de marzo no Teatro Lauro Olmo

Nacho Samena no paseo do Malecón, no Barco de Valdeorras./ Foto cedida.

 

A música e a maxia son as dúas grandes paixóns de Nacho Samena. Natural de Lugo, este artista polifacético leva o piano practicamente no sangue, tocando dende ben pequeno e percorrendo diferentes escenarios con máis dun grupo. A maxia chegaría á súa vida un pouco máis tarde, tampouco moito. “Ao primeiro tíñalle medo ata que coñecín a un par de magos que me cambiaron o concepto e comecei cos xogos que había por casa (Magia Borrás,…) ata chegar a obsesionarme, empapándome de todo o que me rodeaba”, conta Nacho que deu o seu primeiro espectáculo con 8 anos en Viveiro e xa non parou ata que, lonxe de escoller e decantarse por unha das súas grandes afeccións, logrou combinalas.

Así nace o seu novo espectáculo Suxestión co que, tralo paso por Got Talent onde causou un gran impacto cunha versión máis reducida, chegará ao Barco de Valdeorras. “A estrea será o 20 de marzo en Ribadeo e ao día seguinte estarei no Teatro Lauro Olmo, un espazo moi axeitado para a maxia, íntimo para poder vivir ese imposible máis de cerca, xerando un ambiente único”, explica Samena, que pisaba o teatro barquense por primeira vez o ano pasado no espectáculo do mago Marcos Valdemar e quedou encantando.

Suxestión é unha experiencia única presentada por un dos referentes actuais da maxia onde maxia, comedia e música entrelázanse, para levar ao público a unha viaxe polos seus inicios como pianista e mago, dous camiños que sempre conviviron en constante tensión. A través de números de maxia, humor e pezas ao piano, Nacho constrúe un espectáculo familiar, fresco e sorprendente. “Ten algo para todo o mundo. Hai maxia máis infantil para os pequenos, números no que os adultos verán un trasfondo especial; hai números nos que riran, noutros emocionaranse,…”

A cita será este sábado 21 de marzo ás 20:30 horas e as entradas poden mercarse en Entradium.com

Back to top button