
Nove concellos, nove estacións. Continúa o programa do itinerario cultural V NOVE con diversas citas no mes de setembro. A primeira delas será o domingo 6 de setembro na Ponte da Cigarrosa, en Petín, e virá da man do narrador oral Avelino González co espectáculo “Contos que foron chistes. Este contador, unha das voces máis recoñecidas da narración oral galega, trae as súas historias ata a Ponte da Cigarrosa, de orixe romana sobre o Sil, a partir das 20h.
Despois, o 7 de setembro será a música a que tome o relevo no programa cun concerto de Son Galaico, ás 20h ·na Praia dos Franceses (A Veiga), con entrada libre. O concerto de Son Galaico, adiado o pasado 24 de agosto por causas meteorolóxicas, celébrase finalmente neste areal fluvial no encoro de Prada. Mantén todas as súas condicións e o acceso segue sendo libre ata completar aforo.
Ademais, para este mes está previsto o espectáculo “Comedia no cumio”, con Carlos Blanco, David Amor e Leti da Taberna. En concreto será o día 26 ás 19:00 h . nas instalacións de Pizarras Tres Cuñados, Casaio (Carballeda de Valdeorras). As súas entradas xa están á venda en Ton y Son e en Ataquilla.com, en dúas modalidades: entrada xeral e entrada que inclúe o transporte en autobús habilitado pola organización.

Música no Camiño
Sábado 3 de outubro · O Bañadoiro, Vilamartín de ValdeorrasA cita máis musical do itinerario está encabezada por Veintiuno, e complétana Eris Mackenzie, Mrs. Fine e Motto DJ, nunha noite ao aire libre no Bañadoiro, á beira do Sil.
Concerto de De Vacas
Sábado 10 de outubro · Adega Roandi, Éntoma (O Barco de Valdeorras)
De Vacas actúa nunha adega da Denominación de Orixe Valdeorras, levando o concerto ao corazón da paisaxe do viño da comarca.
A ruta do mel
Domingo 25 de outubro · Serra da Enciña da Lastra, Rubiá
O itinerario péchase cunha proposta que une natureza e gastronomía no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, un dos espazos naturais máis singulares de Galicia e territorio de tradición apícola.
Con estas tres últimas propostas queda completo o mapa de V NOVE, o itinerario cultural que percorre a comarca de Valdeorras entre agosto e outubro con nove citas en nove lugares distintos. Despois de levar a programación a un castro, a un areal fluvial, a unha ponte histórica, a un castelo e a unha canteira no alto da serra, o itinerario péchase con música, gastronomía e natureza en Vilamartín de Valdeorras, O Barco de Valdeorras e Rubiá.
V NOVE está patrocinado por Turismo de Galicia, coa colaboración da Deputación de Ourense, e está producido pola empresa valdeorresa Ton y Son.