OurenseÚltima hora

Natureza, patrimonio e arqueoloxía na primeira andaina de Afundación+60 Ourense, neste curso

Realizaban a finais de setembro un fermoso roteiro duns 10 km que remataba no xacemento romano de Aquis Querquennis

 

Afundación+60 Ourense vén de iniciar as actividades de sendeirismo para este novo curso 2025/26 cun bonito roteiro encadrado dentro do Camiño de San Rosendo e a Raíña Santa, cuxo nome débese ao fundador no século X do Convento de Celanova e á raíña Isabel de Portugal que, segundo os historiadores, peregrinou por este Camiño, o cal está recoñecido como Roteiro Xacobeo pola oficina do peregrino.

O traxecto comezaba en Ponte Cadós, pasando xunto a un peto de ánimas para logo continuar cara á igrexa de Santiago por un carreiro entre carballos, “nas súas inmediacións atopámonos cun cruceiro onde é preceptiva a primeira foto de grupo. O camiño vai ir discorrendo entre antigas “corredoiras” , extensos bosques de carballos e zonas escampadas que nos ofrecen unha belísima visual de Bande, capitalidade municipal; o encoro das Conchas sobre o río Limia e os impresionantes Picos do Xurés”, explican os camiñantes.

O tempo acompañaba nunha xornada ideal para camiñar e gozar por amplas zonas de masa forestal tan castigada durante este verán noutros recunchos da provincia. O camiño vai levando por diversas aldeas como Rubiás, O Souto, Vilela, Lobosandaus… o que lle permitía aos participantes na andaina ir desfrutando do seu rico patrimonio como cruceiros, petos de ánimas, capelas, así como antigas fontes e lavadoiros que foron restaurados.

 

 

Desde Lobosandaus descendemos ata Os Baños para cruzar a OU-540 en dirección ás termas romanas que se atopan á beira do encoro das Conchas no río Limia. Seguindo o carreiro que discorre pola marxe dereita do encoro chegaban ao final do roteiro, despois de percorrer uns 10 kms , no xacemento romano de Aquis Querquennis.

“Neste punto estaba a esperarnos o arqueólogo natural de Valdeorras, máis concretamente de Vilamartín de Valdeorras, Santiago Ferrer membro da Real Academia de Belas Artes de Galicia , un dos maiores expertos na Vía Nova e director destas escavacións que sobre o terreo ofreceunos todo tipo de detalles sobre as escavacións efectuadas neste xacemento”, comentan dende a organización da andaina.

 

 

Posteriormente ao xantar e, xa de camiño de regreso a Ourense, facíase unha parada en Santa Comba de Bande para visitar a súa preciosa igrexa visigótica datada do século VII e declarada Ben de Interese Cultural en 1921. Nada mellor que este recuncho para dar por finalizada esta primeira xornada na que se mesturaron natureza e cultura.

“O noso agradecemento a Santiago Ferrer polo seu labor didáctico totalmente desinteresada, así como ao Concello de Bande na persoa de Noli a cal puxo todos os medios para que o roteiro estivese transitable”, destacadan dende Afundación+60 Ourense.

Fotos: Afundación+60 Ourense.

Back to top button