SanidadeÚltima hora

Nefroloxía e Atención Primaria coordínanse para detectar precozmente a enfermidade renal crónica

A Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras lidera unha liña de traballo da coordinación entre o Servizo de Nefroloxía e Atención Primaria para promover e mellorar a detección precoz e o manexo das persoas con enfermidade renal

 

O Servizo de Nefroloxía do Hospital Universitario de Ourense conmemorou hoxe o Día Mundial do Ril cunha sesión clínica extraordinaria, na que participaron os referentes desta especialidade nos dezasete Servizos de Atención Primaria da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, afondando nunha liña de traballo de coordinación entre ambos niveis asistenciais para promover e mellorar a detección precoz e o manexo das persoas con enfermidade renal.

Na sesión a xefa do Servizo de Nefroloxía, Cristina Pérez Melón, subliñou a importancia cara ao tratamento dos pacientes deste traballo conxunto e agradeceu a colaboración atopada por parte dos profesionais de Atención Primaria, destacando que nesta Área Sanitaria todos Servizos de Atención Primaria, tanto en Ourense como nas cabeceiras de comarca, contase con médicos referentes cos que tentan manter unha relación bilateral, directa e fluida con reunións periodicas nas que procuran identificar os puntos clave para a abordaxe da enfermidade renal crónica.

A Dra. Pérez Melón congratulouse da colaboración atopada tamén por parte da enfermería, o que permitirá mellorar esta liña de traballo, contando tamén con referentes de enfermería en cada un dos dezasete servizos de Atención Primaria da provincia, profesionais que desde abril afondarán na súa formación sobre nefroloxía no hospital.

A clave: A Detección Precoz

Precisamente este ano o Día Mundial do Ril elixiu o lema de “Están ben os teus riles? Descúbreo a tempo, protexe a túa saúde renal”, baseada na importancia da prevención. Búscase sensibilizar sobre a crecente carga de enfermidades renais en todo o mundo e fai un chamamento á saúde renal para todos, en todas partes. De forma máis específica, a iniciativa do Día Mundial do Ril destaca a importancia das intervencións preventivas que poden evitar a aparición e a progresión da enfermidade renal. A enfermidade renal pódese previr e a progresión á súa etapa final pódese atrasar co acceso apropiado a diagnósticos básicos e tratamento precoz. Coas análises de diagnóstico inmediato, os profesionais sanitarios de atención primaria poden conseguir iso e moito máis en cuestión de minutos.

 

 

Precisamente neste aspecto a xefa de servizo destacou os avances obtidos estes dous anos de colaboración con primaria, especialmente na identificación das persoas en risco de enfermidade renal crónica, o que permite establecer unha serie de medidas preventivas para evitar o desenvolvemento da enfermidade, ou alo menos retrasalo na medida do posible.

De cara ao paciente este sistema de traballo tamén presenta moitas vantaxes, xa que a relación directa entre os especialistas de nefroloxía e primaria, evita desprazamentos innecesarios, especialmente a pacientes máis alonxados do hospital. De feito desde 2022 as consultas presenciais diminuiron en case 400, mentres en paralelo aumentan as telemáticas entre facultativos , con gran nivel de resolutividade e seguridade para o paciente.

Identificar poboación de risco

O perfil da poboación de risco inclúe a aquelas persoas con antecedentes familiares de enfermidade renal crónica, hipertensión, obesidade, con diabete, maiores de 65 anos, ou tamén pacientes con tratamentos nefro-tóxicos. En todo este conxunto de poboación convén realizar un seguemento proactivo desde os centros de saúde, programando a realización de probas habituais en primaria, como os análises de sangue ou ouriños, para diagnosticalos do xeito máis precoz posible.

Para coidar a saúde dos riles a doutora Melón recomenda uns hábitos de vida saudable, cunha alimentación equilibrada e realización de exercicio habitual, destacando como fundamental evitar o sobrepeso e evitar a toma de fármacos de xeito indiscriminado de fármacos, como por exemplo antinflamatorios e por suposto, deixar o tabaco si fuman.

Back to top button