Neste mércores 20 de agosto cúmprese unha semana do inicio do incendio de Larouco que o pasado venres día 15 chegaba a Quiroga para converterse “no máis importante de todos os lumes que sufriu o noso municipio”, din dende o Concello, destacando que onte, “quinto día deste pesadelo, foi unha das xornadas máis complicadas para traballadores e veciños dos núcleos afectados”.
Centeais, Bendollo, Montefurado e Vilaster viviron unha situación extrema vendo como as lapas rodeaban os pobos. “Foi outra noite difícil para os veciños e veciñas destes lugares, pero tamén para traballadores e voluntarios que pasaron a noite en vilo tratando de protexer as vivendas, xa que o lume se achegaba máis a elas. Segundo as últimas informacións o cambio de vento foi clave para que a situación cambiase por completo para mellor”, aseguran.
Segundo os datos dos que dispoñen “a situación desta xornada é que o lume avanza cara os montes de Outeiro e Soldón da Seara ata onde se está desprazando maquinaria pesada da UME, e desde as primeiras luces da mañá, de novo, comezan a traballar os medios aéreos tan fundamentais nesta loita, na que as forzas de veciños e traballadores empezan a fraquear”. As temperaturas que se agardan para hoxe será un punto importante para que as labores de extinción sexan máis doadas.
Fotos: RTM Quiroga.