SanidadeÚltima hora

Neumoloxía do CHUO lembra a importancia dun diagnóstico precoz para evitar as complicacións da neumonía

A prevención é a medida máis eficaz para reducir o impacto da neumonía: vacinarse contra a gripe e o pneumococo, especialmente nos grupos de risco, evitar o tabaco e acudir ao médico ante calquera síntoma sospeitoso para recibir tratamento canto antes

 

Coincidindo coa celebración do Día Mundial da Neumonía, o Servizo de Neumoloxía do Hospital Universitario de Ourense (CHUO) fai un chamamento á cidadanía para lembrar que esta enfermidade segue a ser frecuente e potencialmente grave, especialmente entre as persoas maiores e os grupos de risco.

A neumóloga Coral Fernández, especialista do CHUO, explica que “a neumonía é unha infección respiratoria aguda que afecta os pulmóns e desencadea unha resposta inflamatoria visible na radiografía” e lembra que é fundamental recoñecer os primeiros sinais da enfermidade “Debemos sospeitar dunha posible neumonía en pacientes con febre e tose, sobre todo cando aparece espectoración de novo, ou cando esta cambia de cor —facéndose máis verde, máis marrón ou máis densa—, ou aumenta o seu volume.”

Engade que tamén poden aparecer síntomas menos específicos, como “debilidade, cansazo xeralizado ou deterioro do estado xeral”, polo que recomenda estar atentos, especialmente en persoas de idade avanzada ou con enfermidades crónicas. Neste Día Mundial, a doutora Coral Fernández insiste en que a neumonía non pode ser unha enfermidade esquecida: “É unha enfermidade frecuente e, nalgúns casos, pode chegar a ser grave. Por iso é importante actuar de forma precoz, sobre todo nos grupos de risco: persoas maiores, pacientes con enfermidades respiratorias crónicas ou con outras patoloxías que aumentan a probabilidade de padecela”.

 

 

A neumóloga ourensá destaca ademais a importancia do diagnóstico precoz “Contamos con tratamentos antibióticos eficaces que poden evitar unha mala evolución, sempre que se inicien a tempo”. A pneumonía é unha infección comunitaria, que se produce no ambiente, de persoa a persoa, cuns xermes bacterianos, pero pode haber complicacións virais. Habitualmente adoita ter unha incidencia bastante elevada, de entre dúas a cinco persoas por cada mil habitantes, dependendo da área xeográfica, e hai certos factores de risco que poden provocar a súa aparición, un deles é a elevada idade dos pacientes, con máis frecuencia en homes, e con algunha doenza subxacente asociada.

O Servizo de Neumoloxía do CHUO lembra que a prevención é a medida máis eficaz para reducir o impacto da neumonía: vacinarse contra a gripe e o pneumococo, especialmente nos grupos de risco, evitar o tabaco e manter hábitos de vida saudables e acudir ao médico ante calquera síntoma sospeitoso para recibir tratamento canto antes. A detección temperá e o seguimento axeitado permiten controlar a enfermidade e previr complicacións graves.

Elemento esencial na prevención é deixar de fumar xa que abandonar o tabaco é un factor que evita o desenvolvemento de pneumonías, así como que non empeoren outras enfermidades vinculadas tradicionalmente ao consumo de tabaco.

Back to top button