Cada ano o CEIP Condesa de Fenosa conmemora o seu propio 8M. Neste 2026 non foi unha excepción e na mañá deste venres 8 de marzo tramén celebraban esta xornada de recoñecemento e reivindicación da igualdade das mulleres.
“Desta volta realizamos por ciclos uns obradoiros onde recollemos eses traballos que tradicionalmente fixeron as mulleres e que non se lle deu visibilidade nen importancia”, explican dende o centro. Así que aprendían a facer bolsas con herbas que achegan uns arrecendos fantásticos aos armarios, xabrón artesanal e candeas, bolsas con materiais reciclados e “mesmo tivemos unha exposición onde recollemos moitos dos materiais e ferramentas que empregaban as nosas avoas para facernos a vida máis agradábel”, destacan emocionados por poder cumprir co obxectivo desta actividade, “facer visibeis estes traballos que durante séculos fixeron as mulleres e así valoralos e agradecer, xa que logo, estes coidados calados e xenerosos con que sempre nos agasallaron”.
Hoxendía xa non se fan moitos destes traballos, desprazados polo progreso… pero, “ben seguro que se esculcamos un pouco nos nosos fogares, seguiremos a ver esa mesma xenerosidade, ese quefacer calado das mulleres, e, se cadra, aprenderemos a valoralo e a agradecerllo”, conclúen desde o centro educativo.

Fotos cedidas.