SanidadeÚltima hora

No primeiro semestre deste ano licitarase a redacción do proxecto do Centro Integral de Saúde do Carballiño

Así o anunciaba esta mañá o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez, no pleno do Parlamento galego

O conselleiro de Sanidade durante un acto.

 

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, avanzou hoxe, no Pleno do Parlamento de Galicia, que a Xunta ten previsto licitar a redacción do proxecto do Centro Integral de Saúde do Carballiño neste primeiro semestre do ano.

Na súa intervención no Pazo do Hórreo, o titular da carteira sanitaria dixo que o orzamento para a redacción do proxecto e dirección de obra do Centro Integral de Saúde do Carballiño se situará no entorno dos 600.000 euros.

Tal e como detallou Gómez Caamaño, esta nova infraestrutura sanitaria disporá de máis de 4.500 m2, o que significa que contará con máis do dobre de espazo que o centro de saúde actual. O Plan funcional prevé 22 consultas de medicina familiar e comunitaria, área pediátrica, de saúde mental, atención bucodental, consultas de saúde da muller, sala de docencia e, ademais, un Punto de Atención Continuada reforzado.

O conselleiro referiu que o Diario Oficial de Galicia publicou a resolución definitiva da modificación necesaria do plan urbanístico municipal en outubro do pasado ano, trámite que correspondeu ao Concello levar a cabo e, desde entón, a Xunta xa está a traballar preparando o prego de licitación para a redacción do proxecto.

Back to top button