CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

Noite de música con Veintiuno, Eris Mackenzie e Mrs. Fine no Bañadoiro este sábado, con V Nove

Actuación de Mrs. Fine./ Foto: A.R.

Vilamartín de Valdeorras acolle o próximo sábado, 3 de outubro, a noite grande do V NOVE. Música no Camiño reúne en O Bañadoiro a unha das bandas de referencia do pop español actual, Veintiuno, acompañada por dous nomes da escena galega: Eris Mackenzie, referente da nova música galega que mestura tradición e electrónica, e Mrs. Fine, o grupo de rock de O Barco que abre a noite. DJ Motto pon a música na apertura de portas, pincha tamén entre as actuacións das bandas e pecha a xornada co último set da madrugada.

A entrada é gratuíta e o recinto contará con carpa, foodtruck e barra para quedar ata o peche.

Veintiuno, cabeza de cartel

23:30 h · O Bañadoiro, Vilamartín de Valdeorras

Veintiuno naceu en Toledo en 2011 e leva máis dunha década construíndo unha carreira a base de discos e directos. Tras o seu debut autoeditado, Nada parecido (2015), fichou por Warner e publicou Gourmet (2018); con El arte de perder (2023) confirmou o seu sitio no pop-rock alternativo, e o seu último traballo, La balada de delirio y equilibrio (2025), entrou no top 3 dos discos máis vendidos do país. Cancións como Irremediable, Perder los modales ou Estarás son xa un fixo dos seus concertos. E non é a primeira vez que pisan Valdeorras: Veintiuno xa pasou polo SilFest en 2022, e agora volve á comarca.

Eris Mackenzie · 21:30 h

Detrás do proxecto está o músico coruñés Carlos Eirís, que fusiona a música tradicional galega coa electrónica para converter ambas nunha mesma linguaxe, con pandeireta e sintetizador falando o mesmo idioma. Debutou en longo en 2025 con Meu Ceu: Cantigas industriais e brutalismo emocional e este verán actuou na Praza da Quintana, en Compostela, nas festas do Apóstolo.

Mrs. Fine · 19:30 h

A banda de casa. Catro músicos de O Barco que xa se coñecían doutros proxectos e que en pouco tempo se fixeron un nome no rock da comarca, con pasos por festivais locais e o seu primeiro videoclip, gravado no outono de 2025 polas rúas de O Barco.

Un escenario no Camiño de Inverno

O nome do concerto non é casual. O Bañadoiro é un dos grandes espazos de lecer de Vilamartín, á beira do Sil: un paseo baixo as árbores pola marxe dereita do río, unha ponte colgante metálica que o atravesa, zona de baño cun pantalán de acceso ao Sil, merendeiros, parque infantil, piscina e campo de fútbol. Foi completamente renovado en 2023, con novo aparcadoiro, senda peonil e carril bici.

Pero é, sobre todo, un lugar de paso. O Camiño de Inverno, o itinerario xacobeo que entra en Galicia por Valdeorras, atravesa este espazo, que conta ademais co albergue municipal de peregrinos. Levar unha noite de música ata O Bañadoiro é, literalmente, poñer a música no Camiño: o mesmo lugar por onde pasan cada ano os peregrinos convertido, por unha noite, en escenario. É exactamente o que V NOVE quere ser.

Non hai un escenario único. Hai toda unha comarca por descubrir.

As dúas últimas paradas

10 de outubro · Concerto de De Vacas e visita guiada á adega, 18:00 h
Adega Roandi, Éntoma (O Barco de Valdeorras) · entradas xa á venda en Ton y Son e en Ataquilla.com · aforo limitado

25 de outubro · A ruta do mel, 11:00 h
Serra da Enciña da Lastra, Rubiá · prazas moi limitadas · entradas en Ton y Son e en contacto@vnove.es

Toda a programación, co mapa interactivo da comarca, en vnove.es. V NOVE está patrocinado por Turismo de Galicia, coa colaboración da Deputación de Ourense, e está producido pola empresa valdeorresa Ton y Son. Música no Camiño conta ademais coa colaboración do Concello de Vilamartín de Valdeorras.

Back to top button