OurenseÚltima hora

Nova actuación na conservación do medio ambiente en Parada de Sil

 

O Concello de Parada de Sil segue apostando por “conservar e, se é posible, mellorar a contorna dado que estamos nun lugar privilexiado declarado ZEP e BIC paisaxístico”, tal e como destaca o seu alcalde, Aquilino Domínguez.

Así, lembra que o ano pasado realizáronse unhas xornadas sobre boas prácticas no Canón do Sil da man de Sherpa Proyect e Guti Martín, falecido recentemente e “a quen este Concello lle quere agradecer publicamente o seu acerto no camiño trazado para a conservación do medio ambiente e o turismo sostible en Parada de Sil”.

Así, nestes días colocáronse uns renovados paneis sobre os camiños naturais e con explicacións sinxelas sobre esas boas prácticas, paneis nos que ademais está o código QR que se pode descargar coa guía de boas prácticas completa.

Os sitios elixidos son o Miradoiro da Columna ou do Picotiño no que ademáis se instalou unha barreira que impide o acceso de vehículos para coidar o lugar. Tamén se colocaron nos Balcóns de Madrid e no aparcadoiro sito no medio do pobo chamado O Maragato.

O alcalde, Aquilino Domínguez manifesta que se elixiron sitios de moita afluencia para que os visitantes, e tamén a veciñanza, poidan ver e/ou recordar actuacións sinxelas coa finalidade de manter a paisaxe. As recomendacións máis importantes e sinxelas son camiñar polos sendeiros sinalizados, non coller plantas, non dar de comer a animais, recoller os residuos, levar a mascota con correa e respectar sempre a comunidade local.

As actuacións laváronse a cabo cunha subvención de Rede Natura da Consellería de Medio Ambiente por un importe de 12.498,33 euros cunha achega do Concello de 2.599,63 euros.

Back to top button