DeportesMontañismoÚltima hora

Nova aperta simbólica a Trevinca para celebrar o Día da Montaña Galega

O Club Montañas de Trevinca organizaba o sábado unha marcha ata o teito galego

 

O Club de Montañismo Montañas de Trevinca vén de celebrar nesta fin de semana o “Día da Montaña Galega” cunha marcha ata o teito da comunidade: Pena Trevinca, con 2.127 m de altura. Unha ducia de persoas participaba neste percorrido que incluía unha aperta simbólica a este cume para homenaxear ao conxunto das montañas da comunidade.

Esta singular marcha de montaña, que se iniciaba ás 9h. dende Vilanova de Trevinca (A Veiga), seguía despois un percorrido de 24,8 km que irá polo Pico do Maluro – Lombo do Rocín – A Valigota – Pena Trevinca – Sestil Alto – Vilanova.

Unha vez máis, os promotores desta fermosa iniciativa lembran os seus motivos. “Para que as diferentes administracións a valoren con agarimo e razóns medioambientais, para que todas as persoas coñezan e podan admirar a beleza das nosas montañas, para que os deportistas e camiñantes en busca de emocións, aventura ou coñecementos, sintan o debido respecto e as coiden” ou para que “clubs, asociacións e federacións de montañismo sexan os gardiáns protectores e defensores dos valores culturais, medioambientais e deportivos, que sempre deben de ser as razóns prioritarias do Montañismo, que foi, é e será, Máis que un Deporte”.

Fotos cedidas.

 

Back to top button