CulturaCulturaÚltima hora

Nova campaña de escavacións no Castro de Valencia do Sil (Vilamartín de Valdeorras)

 

Neste mes de maio terá lugar unha nova campaña de escavacións arqueolóxica no xacemento do Castro de Valencia do Sil (Vilamartín de Valdeorras). Serán tres semanas de intervención, ata o 30 de maio, nas que o principal obxectivo será abrir unha nova zona nesta zona, onde nunca se ten intervido antes. “Por primeira vez imos abrir un área que non foi tocada anteriormente, o que implica que teremos achádegos moi importantes para o coñecemento do sitio”, afirma Carlos Tejerizo, membro de Sputnik Labrego e director da intervención.

“Concretamente, trátase dunha zona de vivendas ao norte da gran casa de época tardorromana escavada polo grupo dos Escarbadores nos anos 60”. Ata o de agora, foron escavadas tres grandes áreas do xacemento, que inclúen unha zona de vivendas, un espazo de almacenamento de cereais e unha gran fragua datada entre os séculos IV e V despois de Cristo, “unha das maiores áreas de produción de metais escavadas no noroeste peninsular”, segundo o equipo arqueolóxico.

Desde o inicio, estes traballos arqueolóxicos no Castro de Valencia do Sil contaron coa colaboración do Concello de Vilamartín de Valdeorras, “totalmente necesarios para pór en valor este sitio tan singular na comarca de Valdeorras, chea de patrimonio arqueolóxico pero moito aínda por coñecer”, remata Tejerizo.

Como outros anos, as escavacións contaran con alumnos do Máster Universitario de Arqueoloxía e Ciencias da Antigüedade da Universidade de Santiago de Compostela. Media ducia de estudantes de arqueoloxía estarán as tres semanas que durará a escavación para aprender a metodoloxía de campo no xacemento.

Ademais a intervención estará “aberta por escavación” para quen queira coñecer os resultados de primeira man. “Para nós é moi importante divulgar os resultados que temos e facer partícipe á comunidade local”, afirma Celtia Rodríguez, co-directora das escavacións. “Tamén este ano queremos que a xente se achegue a ver os materiais que sacamos e como os traballamos desde a ciencia arqueolóxica”, remata. Así, as persoas que estean interesadas en ver o traballo dos materiais arqueolóxicos, pode achegarse ao albergue do Concello de Vilamartín de Valdeorras cada día entre as 17 e as 18 horas.

Ademaiso equipo ten previsto rematar nesta campaña os traballos de consolidación das estruturas arqueolóxicas. “Un importante paso para converter este xacemento nun recurso cultural para á zona”, remata Tejerizo.

 

Back to top button