A praza Maior de Viana do Bolo acollía na tarde este 22 de setembro unha nova concentración “contra o xenocidio palestino”, convocada pola Coordinadora Galega de Solidariedade con Palestina. No decurso do acto, que conta coa presenza de membros da Corporación municipal, líase un manifesto no que se incidía na “situación de extrema gravidade en Gaza” polos ataques de Israel.
“A solidariedade galega entendeuno perfectamente, e por iso levamos dous anos de mobilización social permanente contra o sionismo, negándonos a normalizar un estado ocupante”, dicía o manifesto, no que tamén se anunciaba unha mobilización a nivel galego para o vindeiro 5 de outubro.
Ademais insistíase na importancia de manter vivas as mobilizacións. “Son estas as accións que están levando os gobernos a dar pasos para isolar Israel. Son insuficientes e tímidos, pero non existirían sen a acción permanente da solidariedade”.
Viana do Bolo era unha das 44 localidades galegas nas que se celebraban concentracións con este mesmo fin na tarde deste luns.
Foto cedida.