
Nova data para a proposta lúdico-deportiva da Asociación Sociocultural Sabugueiro inicialmente prevista para primeiros de xullo que fora adiada ante a previsión de altas temperaturas dunha das ondas de calor que chegaron este verán a Valdeorras. Así, a I Andaina “Os Pichís” celebrarase o vindeiro 11 de outubro, no concello da Rúa, un circuíto que combina tramos urbanos con tramos de monte, cunhas distancias aproximadas de 20, 15 e 5 km, con saída na praza César Conti, na Rúa Vella.
Os horarios de saída e o trazado concreto estarán condicionados pola proba na que participe cada persoa: as andainas longa e curta ás 9 horas e a mini andaina ás 10 horas.

A proba conta coa colaboración do Concello e de Protección Civil da Rúa e haberá avituallamento durante a andaina. Ademais ao final haberá unha pinchada para todos os participantes e ao remate, un sorteo de varios agasallos entre os participantes, empregando como referencia o número de dorsal asignado.
Tal como aseguran dende a asociación, trátase dunha actividade que lles fai moita ilusión “porque estamos namorados da terra na que vivimos e non a coñecemos o suficiente”. O pasado verán derramáronse moitas bágoas ao vela arder, chegando o momento dunha “reconciliación cos nosos montes: só coñecéndoos poderemos conservalos e protexelos”, aseguran.
As inscricións poden facerse en Narjoysa A Rúa, Mapfre A Rúa, O Colmado A Rúa Vella, Xardinalia A Rúa e Foot on Mars O Barco, ademais de online a través do seguinte QR.
