SanidadeÚltima horaVídeos

Nova misión internacional en Malí da doutora Ana Pastor para a formación de formadores

A xefa de servizo de neurocirurxía do Hospital Universitario de Ourense retorna a España tras completar a misión da AECID de crear unha rede de profesionais locais capaces de multiplicar a formación sanitaria no país africano

 

A xefa do Servizo de Neurocirurxía do Hospital Universitario de Ourense, Ana Pastor Zapata, regresa a España tras completar unha nova misión de cooperación sanitaria en Malí, na que se acadaba o obxectivo estratéxico da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) de formar a formadores locais que, á súa vez, serán os encargados de continuar capacitando ao resto de profesionais sanitarios do país.

A participación da doutora Pastor enmárcase no Programa de Formación Médica Especializada (PFME), impulsado pola Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) e a Fundación CSAI, dependente do Ministerio de Sanidade, coa colaboración do Servizo Galego de Saúde.

Durante a súa estancia en Bamako, Pastor impartiu formación especializada na atención ao paciente politraumatizado, cirurxía urxente e organización asistencial, cun enfoque centrado non só na mellora da práctica clínica inmediata, senón na capacitación docente dos profesionais locais. Este modelo permite garantir a continuidade do coñecemento e multiplicar o impacto da cooperación no sistema sanitario maliano.

 

 

Cooperación sostible: Formar a quen forma

O principal resultado desta misión foi a consolidación dun modelo de cooperación baseado na creación de formadores locais. Os profesionais malianos, que participaron nas sesión, adquiriron competencias docentes, que lles permitirán replicar os contidos nos seus propios centros, adaptándoos ás necesidades do seu sistema sanitario e ampliando progresivamente o número de profesionais capacitados.

Este enfoque supón un salto cualitativo respecto de accións formativas puntuais, ao asegurar a autonomía do sistema sanitario local e a sustentabilidade no tempo das melloras introducidas, especialmente nun contexto no que a escaseza de recursos humanos segue a ser un dos principais retos.

 

 

Ourense referente na cooperación sanitaria

Esta nova misión en Malí dá continuidade á dilatada traxectoria solidaria de Ana Pastor, que xa participara en diversas intervencións, no marco deste mesmo programa en Malí e Níxer. Nese contexto contribuíu á formación de centos de profesionais e á posta en marcha de dinámicas docentes que permitiron fortalecer os sistemas públicos de saúde.

A súa experiencia como instrutora en programas internacionais de atención ao paciente politraumatizado, nos cursos Advanced Trauma Life Support (ATLS) e European Trauma Course (ETC), a sitúan como referente na formación sanitaria especializada, tanto a nivel estatal como europeo.

A participación nesta misión volve situar á Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras no mapa da cooperación internacional, levando o coñecemento e a capacidade do seu persoal profesional a contextos de alta necesidade sanitaria, que neste caso acompañouse con equipamento que levou a bandeira galega e o nome de Ourense, nun xesto sinxelo de afecto e apoio.

Back to top button