EconomíaEconomíaÚltima hora

Nova xornada práctica de ciberseguridade para empresas do Club do Empredemento e AEVA

 

Ante o incremento sostido dos ciberataques e tras a gran acollida da primeira sesión formativa, o Club do Emprendemento, en colaboración coa Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA), organiza unha segunda xornada en liña gratuíta baixo o título “Ciberseguridade para Empresas”, centrada na aplicación práctica de medidas de protección dixital.

A sesión terá lugar o próximo 16 de abril, de 16.00 a 18.00 horas de xeito en liña, e está especialmente dirixida a Pemes e emprendedores que desexen dar un paso máis aló na protección dos seus negocios, implementando solucións reais fronte a ameazas dixitais. Será impartida por Gerardo Martínez, consultor e formador especializado en ciberseguridade, quen guiará aos asistentes na aplicación de estratexias efectivas e accesibles para calquera tipo de empresa.

“Esta nova formación nace como continuación da anterior xornada introdutoria, cun enfoque moito máis práctico e orientado á acción. Durante o encontro, os asistentes traballarán sobre casos reais e aprenderán a aplicar medidas concretas para mellorar a seguridade dos seus sistemas, datos e operacións”, tal e como indica AEVA, recordando ademais, que, segundo datos do INCIBE, máis de 97.000 incidentes de ciberseguridade foron xestionados en 2024, “unha cifra que confirma o crecemento dos riscos na contorna dixital. Neste contexto, a falta de preparación segue sendo un dos principais factores de vulnerabilidade para as pequenas e medianas empresas”.

Baixo o enfoque de “aprender facendo”, a xornada permitirá aos participantes identificar riscos reais nos seus propios negocios, establecer protocolos de actuación e desenvolver un plan práctico de mellora en ciberseguridade. Ademais, reforzaranse conceptos clave como a prevención, a detección temperá e a resposta ante incidentes.

A participación é totalmente gratuíta, previa inscrición a través do formulario habilitado.
Formulario: https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSeIgh4uicfHjWIIgKyyw4oQvNd-XCELv-CKIqs0Mi_zRa-Zng/viewform?usp=dialog

Esta iniciativa desenvólvese no marco do programa INCIBE Emprende, grazas ao convenio entre o Club do Emprendemento e o INCIBE, e está financiada pola Unión Europea a través dos fondos NextGenerationEU.

“Con esta nova acción formativa, o Club do Emprendemento reafirma o seu compromiso co fortalecemento do tecido empresarial, apostando por unha formación útil, práctica e adaptada ás necesidades reais das empresas nunha contorna dixital cada vez máis esixente”, segundo AEVA.

Back to top button