CulturaCulturaMúsicaÚltima horaVídeos

Novas incorporacións á Jam Session de AMAVA no Esconditte Inglés (A Rúa), cada vez máis potente

 

Fiel á súa cita, na noite do venres 27 de febreiro reuníanse para despedir o chuvioso mes de febreiro no Esconditte Inglés da Rúa, parte dos asociados de AMAVA, que una vez máis sorprendían ao público. “Cada concerto en directo é un espectáculo irrepetible pero isto ten o plus engadido da espontaneidade e frescura, que lle dá o feito de ser músicos noveis e que nalgún caso nin se coñecen, aínda que non o pareza”, aseguran dende a Asociación de Música Alternativa de Valdeorras.

 

 

Neste escenario onte estreábanse por primeira vez Iria á guitarra, que “sorprendeu pola súa discreción e bo dominio do instrumento”. Á guitarra tamén se viu por primeira vez a Moisés, “moi integrado coa banda que lle tocou parecía que levaban xuntos toda a vida”, aseguran, destacando que, “sen dúbida o que máis chamou a atención da noite foi Rubén, sobre todo porque participou nun gran número de temas o que di moito ao seu favor polo esforzo realizado que agradecemos profundamente, cunha voz desgarradora e potente que che traslada a outro tipo de escenarios moito máis multitudinarios, ten un gran nivel”. Tras varios intentos por participar ao final chegaba o seu momento e aproveitouno con fartura. Oriúndo de Madrid e actualmente residente en Casaio “vénselle moitas táboas no escenario e temos a sorte de poder contar co seu talento entre nós”.

 

 

As voces femininas deron tamén moito xogo en estilos variados con Tatiana e a súa mocidade e rock potente  e alternativo ou Soraya e María de Larouco cos seus clásicos dos Creedence ou Tina Turner executados con gran profesionalidade. En definitiva, “unha noite máxica, irrepetible, esgotadora pero feliz sobre todo ao ver que na nosa zona hai moito talento e continuidade á actividade musical cunha irresistible mocidade que empuxa para que isto non teña fin”, aseguran emocionados dende AMAVA, destacando a mestura de experiencia e mocidade que fan do eventeo un “cóctel impactante”.

 

 

Coma sempre agradecen a Santi e a Vero a “oportunidade que nos brindan para contar co seu espazo” e ao numeroso público que segue este tipo de eventos, “arroupando a cada artista cos seus aplausos e a súa calor”, din convocándoos á seguinte, “que seguro que, aínda que pareza difícil, será aínda mellor”.

 

 

Fotos e vídeos cedidos.

Back to top button