
A Xunta de Galicia acaba de publicar no Diario Oficial de Galicia as datas para a realización dos novos exames que permiten obter os certificados oficiais que acreditan o coñecemento da lingua galega e que se celebrarán entre o 14 e 22 de novembro en Santiago de Compostela, Ponferrada e Madrid.
Trátase da segunda convocatoria que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude efectúa este 2026, tras as probas realizadas entre o 23 de maio e o 6 de xuño. Neste caso, tamén se centran nos niveis Celga máis solicitados, que son o 2, o 3 e o 4. Desta maneira, preténdese continuar favorecendo o coñecemento e emprego do galego en toda a sociedade e, especialmente, entre aquelas persoas non nacidas en Galicia ou que non tiveron este idioma como lingua materna, impulsando o interese por el.
Deste xeito, no caso das probas para a obtención do Celga 4, a convocatoria estableceuse para os días 14 e 15 de novembro tanto en Santiago de Compostela, como en Ponferrada e Madrid. Pola súa banda, as datas das probas dos niveis 3 e 2 quedaron fixadas para os días 21 e 22 dese mesmo mes, respectivamente, nas tres cidades. No caso, do grao 1, tivo lugar só en Santiago de Compostela o pasado 6 de xuño.
As listaxes das persoas solicitantes admitidas en cada unha das probas poden ser consultadas no Portal da Lingua Galega . En todas elas, a hora de comezo dos exames será ás 9,00 horas. No caso de Santiago de Compostela, realizaranse no instituto Antón Fraguas para os niveis 4, 3 e 2, mentres que para o Celga 1 será na Escola Galega de Administración Pública. En Ponferrada, celebraranse as probas na Escola Oficial de Idiomas, mentres que en Madrid os exames serán na Casa de Galicia.