En portadaÚltima horaVídeos

Nove locais do Barco e da Rúa participarán na Ruta “Petiscos con DO Valdeorras”, do 26 ao 29 de maio

 

Entre o 26 e o 29 de maio, en horario de 19:00 a 22:00 horas (ou ata fin de existencias), poderá desfrutarse nunha decena de establecementos do Barco e da Rúa da Ruta “Petiscos con D.O. Valdeorras”, que logo de varios anos sen celebrarse, retomábase o pasado ano, tal e como lembraba esta mañá na presentación da iniciativa a secretaria do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, Patricia de Andrés. Indicía ademais en que deste xeito esta entidade continúa apostando pola vinculación entre viño e gastronomía da comarca.

 

 

Patricia de Andrés engadía ademais que “as cinco edicións anteriores foron un éxito, e estamos seguros de que esta tamén o será”, destacando a elaboración coidada dos petiscos e a súa perfecta harmonía cos viños de Valdeorras.

Tamén quixo salientar o notable éxito das actividades gastronómicas da Feira do Viño, cuxas prazas se esgotaron en moi poucos días, poñendo de manifesto o crecente interese do público “tanto pola programación proposta como polos nosos viños e produtos de proximidade”.

Nesta edición participan un total de nove locais, sete deles do Barco: La Fábrica, Pazo do Castro, Veira Sil, Zig Zag, Piquiño Restaurante, Taberna O Buraco e Skandalo. E os dous restantes da Rúa: O’ Retorno e Restaurante A Pepa.

Estes establecementos ofrecerán as súas propostas elaboradas con viños amparados pola Denominación de Orixe Valdeorras, ao prezo de 3 euros no marco desta ruta, promovida polo Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras e por AEVA.

 

 

Os participantes deberán facerse con un “Pasaporte de petiscos” que terán que selar nos locais onde consuman cada pincho. Así, aqueles completen cando menos os catro selos, poderán depositalo nas urnas dispostas nos locais ata o 29 de maio. Deste xeito poderán entrar nos sorteos dun lote de viños da D.O. Valdeorras, unha cea para dous persoas maridada con viños de Valdeorras e unha visita para dúas persoas a unha adega da D.O. con cata incluída.

 

 

 

Ademais os establecementos participantes recibirán dous mandís e 2 enfriadores de botellas, tal e como indicaba o presidente da Asociación Empresarial de Valdeorras, Carlos Terán.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Vídeos: O SIL.

 

 

Back to top button