
Na mañá deste xoves 13 de novembro producíanse dous accidentes na A-52, en Toén, con nove vehículos implicados. “Ambos os dous accidentes ocorreron nun espazo de apenas un quilómetro e nun intervalo de tempo de 30 minutos aproximadamente”, indican dende o 112 Galicia.
O primeiro dos sinistros producíase ás 7:20 horas no quilómetro 236 da A-52, ao paso por Alongos, en Toén. “Neste caso, víronse implicados catro turismos, unha furgoneta e un camión e, como consecuencia da colisión, unha persoa necesitou asistencia médica”, indican dende o 112, explicando que era o balance dun accidente múltiple do que informaron varios alertadores. “Deste xeito, foi posible a activación dos recursos necesarios neste caso, como Urxencias Sanitarias de Galicia-061, axentes da Garda Civil de Tráfico, efectivos do GES de Ribadavia, Protección Civil de Toén e persoal de limpeza e mantemento da vía”.
Sen embargo, uns 30 minutos máis tarde, un quilómetro máis adiante, tamén en sentido Ourense, outro accidente con varios vehículos implicados, isto é, dous turismos e unha furgoneta, xerou novas chamadas ao 112 Galicia. “Ademais, neste caso, había unha persoa con dificultades para saír do vehículo, polo que foi necesaria a extracción da porta dun dos vehículos implicados para sacala, tal e como explicaron os efectivos do GES de Ribadavia. Cando esta persoa foi liberada recibiu a atención dos profesionais sanitarios”, explican dende o centro de emerxencias.