
Entre os 40 campos de voluntariado con 665 prazas que a Xunta de Galicia ofertará neste verán estará, un ano máis, o do Castrillón de Larouco. Neste programa poden participar as persoas mozas residentes con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos.
No caso do Castrillón, que se desenvolverá do 1 ao 12 de xullo, a súa temática está vinculada a actividades de medio ambiente e arqueolóxica, tendo en conta se trata dun xacemento forticificado da segunda Idade do Ferro. Conta con 15 prazas.
Os campos de voluntariado son actividades realizadas en colaboración con concellos, neste caso do de Larouco, e entidades, e encamiñadas a favorecer e fomentar a convivencia, a participación, a tolerancia e a solidariedade entre a mocidade e a súa contorna, a través da colaboración desinteresada e voluntaria en traballos diversos que se levan a cabo en todas as comunidades autónomas e en distintos países, baixo o patrocinio, control ou organización de entidades e organismos oficiais, asociacións xuvenís, culturais, humanitarias, etc.
Desta volta serán oito os campos de voluntariado que se desenvolvan na provincia de Ourense, entre eles hai outros dous en Valdeorras, un no Bolo e outro no Barco.


