
Abanca e a Federación de Comercio de Ourense dan un novo impulso á súa histórica colaboración coa firma dun novo convenio para levar a cabo unha serie de accións conxuntas que promoven o desenvolvemento e a dinamización do comercio local na provincia.
O acordo rubricábase esta mañá en Ourense por parte do director territorial de ABANCA en Ourense, Rubén Saavedra, e a presidenta da Federación provincial, Beatriz Gómez. Ambos representantes mostraron a súa satisfacción co impacto que terá esta nova colaboración no colectivo ourensán de comerciantes e acordaron manter un contacto fluido entre ambas as partes para abordar posibles necesidades do futuro.
O convenio contempla o desenvolvemento de distintas actividades formativas, xornadas e conferencias para as persoas asociadas, accións que lles permitirán adquirir experiencia e coñecementos de interese e utilidade á hora de aplicalo á súa propia actividade comercial. Esta firma reforza a estreita colaboración que ambas as organizacións manteñen desde hai anos e apoia a aposta da entidade financiera polo comercio de proximidade.
“Trátase dunha mostra máis do noso compromiso co comercio local e a súa prosperidade, porque sabemos que é un claro dinamizador da actividade económica e que á súa vez promove e xera un consumo responsable”, asegurou Rubén Saavedra; mentres que Beatriz Gómez destacaba que ‘o impulso para o comercio e a súa visibilidade grazas a colaboracións deste tipo é moi grande, por iso agradecemos sempre que Abanca estea do noso lado para continuar desenvolvendo a nosa actividade’.