En portadaÚltima hora

Novo paso adiante no proxecto do futuro Centro de Interpretación de Montefurado (Quiroga)

Foto: Concello de Quiroga.

 

A Confederación Hidrográfica del Miño-Sil (CHMS), acaba de asinar o contrato para a realización do futuro Centro de Interpretación de Montefurado, segundo vén de facer público o Concello de Quiroga. O contrato asinado coa empresa Atcon Actividades y Construcciones, S.L. ten un orzamento de 606.901’53 € e un prazo de execución de dez meses.

A contratación da empresa é o paso previo ao inicio da obra que se levantará nun terreo de máis 1.000 metros adquirido polo concello quirogués no núcleo de Montefurado. A edificación contará cunha sala dedicada a museo e outra de usos múltiples. Ámbalas dúas comunicadas por unha «entrada en penumbra» coa que se busca evocar a imaxe do túnel de Montefurado, tal e como adianta o Concello. O espazo destinado ao museo terá unha superficie de 118 metros cadrados, mentres que para a sala de usos múltiples resérvanse 49 metros e outros 62 metros para o recibidor que comunicará as dúas pezas. O centro de interpretación contará no seu exterior con 93 metros de praza e 200 metros de estacionamento.

A creación deste centro que ten como finalidade dar a coñecer os valores etnográficos de Montefurado, co xacemento mineiro e os espazos vinculados; forma parte do convenio asinado entre a Confederación Hidrográfica e o Concello de Quiroga no mes de maio do 2025 para dinamizar este zona tan importante para Quiroga.

“O proxecto total, orzamentado nun millón e medio de euros -aportando a Confederación o 90% e o 10% o Concello de Quiroga-, ademais do centro de interpretación, inclúe un sendeiro de 4 km, un miradoiro e unha pasarela sobre o río Sil. Accións todas elas encamiñadas a potenciar e difundir un dos xacementos de ouro máis importantes do Imperio romano na Península Ibérica”, indica o Concello de Quiroga.

Back to top button