ConcellosÚltima horaVilariño de Conso

Novo pasteiro en Vilariño de Conso, con 6,13 hectáreas no monte de Aceveda ou Couto de Castiñeira

 

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural, José Balseiros, visitou hoxe os concellos ourensáns de Vilariño de Conso e Laza, nos que se desenvolveu cadanseu pasteiro, cun investimento conxunto que superou os 200.000 euros e actuacións nunha superficie total de 28,73 hectáreas.

Neste percorrido, o director xeral salientou que este tipo de traballos son fundamentais para o desenvolvemento rural e redundan de xeito moi positivo na conservación da biodiversidade e nos ecosistemas agroforestais, contribuíndo, ademais, á prevención de incendios forestais a través da gandaría en extensivo.

En Vilariño de Conso, onde Balseiros estivo acompañado pola súa alcaldesa, Melisa Macía, leváronse a cabo tamén traballos semellantes para o desenvolvemento da pradaría en 6,13 hectáreas do monte de Aceveda ou Coto de Castiñeira, cun orzamento que superou os 42.000 euros. Así, fixéronse labores tales como roza ou roturación, e procedeuse á retirada dun peche perimetral e á súa reposición, ampliando a súa lonxitude ata superar os 900 metros lineais.

No caso de Laza, actuouse en 22,6 hectáreas do monte veciñal de Alberguería, cun investimento de algo máis de 170.000 euros. Fixéronse labores de roza mecanizada, roturación, encalado, sementado e fertilización, así como de construción dun peche perimetral de algo máis de dous quilómetros de lonxitude. Ademais, colocouse un bebedeiro e un galpón e mellorouse o camiño de acceso.

O desenvolvemento destes pasteiros enmárcase dentro do Plan de Pastos de Galicia, que dende o ano 2020 permitiu a mobilización de preto de 2.500 hectáreas en 106 pasteiros, cun investimento de case 15 millóns de euros.

 

Back to top button