
Esta mañá o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, e a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, asinaban na Delegación Territorial da Xunta en Ourense un novo protocolo de colaboración que consolida o traballo conxunto de ambas administracións na prevención e defensa contra os incendios forestais.
O acordo suporá a mobilización de 4 millóns de euros, dos que a Deputación achegará preto de 1,4 millóns de euros e a Consellería do Medio Rural máis de 2,5 millóns, co obxectivo de reforzar as actuacións preventivas no territorio provincial.
Entre as actuacións previstas destaca a posta en marcha de 22 brigadas de prevención e extinción de incendios, que operarán durante seis meses en seis mancomunidades da provincia: Ribeiro, Terras de Celanova, Verín, Carballiño, Ourense e Santa Águeda. Este reforzo supón a ampliación do modelo iniciado en 2025, cando se puxeron en marcha 16 brigadas nun programa piloto que agora se consolida e estende.
As brigadas desenvolverán tarefas de vixilancia, defensa e prevención, tanto de xeito manual como mecanizado, permitindo actuar non só nos momentos de maior risco, senón tamén anticiparse aos incendios mediante o traballo preventivo.
O protocolo inclúe tamén a adquisición de tractores con rozadoira para traballos de prevención, así como a aportación de maquinaria multifunción destinada ás tarefas de desbroce e extinción.
Ademais, reforzarase a formación especializada do persoal municipal e das mancomunidades a través do Centro Integral de Loita contra o Lume de Toén, consolidando un modelo que combina medios humanos, técnicos e coñecemento.

Cooperación institucional como clave
Durante o acto, o presidente provincial destacou que este protocolo “non é unha acción illada, senón a continuidade dunha estratexia sostida no tempo baseada na cooperación entre administracións”.
Luis Menor puxo en valor que “desde o ano 2019, máis de 50 concellos da provincia xa se beneficiaron desta colaboración, que permitiu dotar ao territorio de medios reais para a prevención”.
O presidente subliñou tamén que “Ourense é unha das provincias máis afectadas polos incendios forestais, polo que é imprescindible seguir reforzando a coordinación institucional e a capacidade de resposta no territorio”.
Este novo protocolo ten como finalidade consolidar o desenvolvemento de actuacións dirixidas ao mantemento e conservación das infraestruturas preventivas e da contorna agroforestal, reforzando así a protección do medio rural.
Neste sentido, ambas administracións coincidiron en destacar que a prevención é a ferramenta máis eficaz na loita contra os incendios e que a cooperación institucional resulta clave para garantir a seguridade, a sustentabilidade e o futuro do territorio.
Durante o acto, no que tamén estiveron presentes o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco; o delegado territorial da Xunta na provincia, Manuel Pardo; e o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor; a conselleira explicou que todas as mancomunidades contarán con catro brigadas, exceptuando a de Santa Águeda, que terá dúas, tendo en conta a súa dimensión territorial. Cada unha delas estará conformada por cinco ou catro compoñentes, que executarán actuacións en materia de vixilancia e defensa de lumes; así como labores de prevención, tanto de xeito manual como mecanizado, ao longo dun período de seis meses. En concreto, será desde o 4 de maio ata principios do mes de novembro.