
Contra as catro da madrugada deste 22 de xuño producíase un novo roubo nun establecemento do Barco. Desta volta era en El Cafetín, situado na avenida Conde Fenosa, en pleno centro da vila. Saltaba a alarma e os responsables do local vían a través das cámaras situadas nel que había unha persoa dentro.
De inmediato a Policía Local e a Garda Civil acudían ao lugar, frustrando o intento de roubo e detendo á persoa que estaba no interior da cafetería. “Ao ladrón non lle deu tempo a escapar nin tampouco conseguiu diñeiro. Intentouno coa máquina tragaperras e tamén coa do tabaco, pero non puido”, comentan a propietaria da cafetería.
O ladrón accedía ao establecemento dende un local contiguo que está baleiro e, dende alí, rompía un dos cristais da cafetería, entrando así nela. Despois, trataba de fuxir rachando o cristal da porta de entrada do local.
Os responsables da cafetería agradecen a rápida intervención e o labor das forzas e corpos de seguridade, pero piden a quen corresponda que se faga algo para evitar que este tipo de sucesos sigan acontecendo no Barco, que está a sufrir unha onda de roubos. “Ademais do susto e da sensación de inseguridade, xa que neste caso non roubou nada, están os destrozos que causan e tamén o trastornos que xeran estas situacións”.
Fotos: O SIL.
