
O vindeiro 11 de setembro comezará un novo obradoiro de memoria organizado entre o Concello de Quiroga e a asociación AFAMON, co obxectivo de contribuír a que as persoas poidan gozar dun envellecemento o máis activo posible.
Segundo o concelleiro Xosé Manuel Fernández “dáselle continuidade a un dos obradoiros de éxito que organiza o Concello de Quiroga dende esta concellería e que se fai en colaboración coa entidade AFAMON”. Así mesmo, sinala, “este tipo de actividades favorecen un envellecemento activo ao tempo que serven de punto de encontro para socializar e crear vínculos entre a veciñanza”.
O obradoiro dirixido a persoas maiores de 50 anos que non presenten deterioro cognitivo significativo, ten como obxectivo contribuír a que as persoas maiores poidan gozar dun envellecemento o máis activo posible, mantendo as capacidades cognitivas das persoas maiores, previndo situacións de dependencia e detectando precozmente o deterioro cognitivo nas persoas maiores.
O obradoiro desenvolverase todos os xoves na Casa da Cultura, entre as seis e media da tarde e as oito do serán. Durante o transcurso do taller realizaranse diferentes actividades que incidan sobre as diferentes áreas cognitivas, como poden ser exercicios de memoria, de razoamento, de lecto-escritura, de cálculo ou de percepción.
O número de prazas ofertado é de 22. As persoas interesadas poden realizar a súa inscrición, que ten un custo de 7€ para socios e de 12 € para non socios do Centro Social, na cafetería do centro en horario de tarde.