A botelomanía segue máis viva que nunca. E mostra diso é o novo éxito de convocatoria para a venda das 1.150 entradas desta XXIII Festa do Botelo que se celebrará o vindeiro día 18, e que se vendían na mañá deste sábado 11 de xaneiro, a última ás 10:15 horas.

En teoría os números non comezaban a darse ata as catro da madrugada (cada persoa podía coller un máximo de 10 entradas) pero xa ás dez e media da noite do venres, antes de que abriran as portas, chegaban as primeiras persoas ao Teatro Lauro Olmo do Barco. Alí esperaban ata que abrían e pasaban á sala de cine onde agardaron a que comezaba o reparto de números, que tal como indican os presentes, acabábanse antes das cinco, de feito, xente que chegaba pouco despois xa non o conseguía.

E xa ás nove desta mañá comezaba á venda das 1.150 entradas por parte do propio alcalde, Alfredo García e da concelleira de Cultura Margarida Pizcueta, entre outros colaboradores.
Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver e cedidas.