
O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, visitou hoxe o pasteiro situado no monte de San Martiño de Arriba, no concello de Manzaneda, co obxectivo de coñecer de primeira man o avance das obras que se están a executar neste espazo, cun investimento total de 128.000 euros. Nesta visita estaba acompañado, entre outras persoas, por José Antonio Armada, director territorial da Conselleria de Medio Rural; e polo alcalde de Manzaneda, Amable Fernández.
Balseiros destacou que estas actuacións son fundamentais para o desenvolvemento rural, xa que contribúen á conservación da biodiversidade nos ecosistemas agroforestais, impulsan a actividade socioeconómica ao ofrecer espazos adecuados para as explotacións en extensivo, e axudan a previr os incendios forestais ao interromper a continuidade dos combustibles, funcionando como cortalumes.
Entre os traballos que se están a desenvolver destacan a creación do propio pasteiro, a roza da matogueira, a instalación dun peche perimetral con postes de madeira e arame, dúas portas metálicas de catro metros de peche e unha manga de manexo vacún.

Posteriormente, Balseiros desprazouse ata o monte Zamorela, no municipio ourensán de Chandrexa de Queixa, para supervisa, xunto ao seu alcalde, Francisco Rodríguez, os traballos que se están a levar a cabo noutro pasteiro, cun orzamento próximo aos 112.000 euros. O deseño deste segundo pasteiro é similar ao de Manzaneda, cun peche perimetral de madeira e malla gandeira, dúas portas metálicas e unha manga de manexo de vacún.
Ambos proxectos forman parte do Plan de Pastos de Galicia, a través do cal a Consellería do Medio Rural leva mobilizado desde 2020 máis de 1.930 hectáreas en 80 pasteiros, cun investimento próximo aos 10,5 millóns de euros. A estas cifras engadiranse as 519 hectáreas que se prevén mobilizar ao longo de 2025, distribuídas en 26 novos pasteiros e cun orzamento adicional de 4 millóns de euros. Ao finalizar este ano, a superficie total mobilizada ascenderá a 2.450 hectáreas repartidas en 106 pasteiros, cun investimento global que superará os 14,5 millóns de euros.