
O certame “Deseña unha xoia para a túa nai”, organizado pola Federación Galega de Xoieiros e o Colexio Oficial de Xoiería de Galicia (Coxga), coa colaboración de Artesanía de Galicia e a Xunta de Galicia, entra na súa recta final.
Os escolares participantes nesta XVI edición, divididos en categorías por idades (de 0 a 4 anos, de 5 a 7, de 8 a 10 e de 11 a 12 anos), deseñaron a xoia que lles gustaría regalar ás súas nais. Entre os miles de traballos presentados en toda Galicia, o xurado seleccionou 80 deseños finalistas.
En Ourense, os escolares seleccionados como finalistas son Xela Limia Rodríguez, do CEIP Plurilingüe Amaro Refojo, de Verín; Aira Catalina Balbuena Vázquez, do CEIP Plurilingüe Irmáns Villar, de Ourense; Nuria Vázquez Fernández, do CEIP Plurilingüe Julio Gurriarán, do Barco de Valdeorras; Lucas Fernández García, Emiliana González Caridad, Gabriel González Domínguez, Xavi Leituga Fernández, Xurxo Lechuga Fernández, Emma Sarmiento Fraga e Liam Alejandro Solla Contreras, do CPR Sacro Corazón de Celanova.
Deste grupo de finalistas sairán os 12 gañadores, que terán como premio a creación dos seus deseños por parte de xoieiros profesionais. A identidade dos premiados darase a coñecer durante a gala de entrega de premios, que se celebrará o venres 1 de maio.
Os pequenos artistas deseñaron pulseiras, colgantes ou pendentes, entre outras pezas, podendo ver así unha aplicación real da súa creatividade a través desta iniciativa, que contribúe tanto á súa formación artística como privado.
O obxectivo do Coxga con este concurso, que alcanza xa a súa décimo sexta edición, é fomentar entre o alumnado galego o interese polo deseño de xoias e achegarlles a unha profesión con gran arraigamento en Galicia, que combina tradición e innovación.
Gala de entrega de premios
O fallo do xurado e a entrega de premios ás novas promesas da xoiería terá lugar no Auditorio do CGAC, en Santiago de Compostela, o venres 1 de maio ás 12.30 horas, nun acto ao que asistirán os 80 finalistas acompañados das súas familias, así como autoridades e representantes do sector. Será durante esta gala cando se desvele a identidade dos 12 escolares premiados, que farán entrega persoalmente ás súas nais das xoias creadas a partir dos seus propios deseños.
Os profesionais que traballan estes días na elaboración das pezas gañadoras son Félix Munín, Fink Ourives, Isabel Suárez e a EASD Mestre Mateo, de Santiago de Compostela; Ardentia, Lizarriturri e Unión Xoieira de Bergondo, de Bergondo; Rosende Joyeros, de Ferrol; Raúl Pesqueira Fariña, de Marín, e Óscar Joyeros, de Viveiro.
Tomando como referencia os debuxos realizados polos nenos, cada xoieiro encárgase da creación dunha ou varias pezas, procurando manter a máxima fidelidade ao deseño orixinal e seleccionando os materiais máis adecuados para garantir a súa correcta execución.
As doce xoias únicas e exclusivas desta edición sumaranse ás preto de 200 pezas elaboradas en convocatorias anteriores, consolidando este premio como un recordo para toda a vida, apoiado pola profesionalidade dos xoieiros colexiados de Galicia.
A Federación Galega de Xoieiros e o Coxga buscan, con esta iniciativa, “dar visibilidade ao sector e achegar aos máis pequenos ás posibilidades culturais e profesionais que ofrece a xoiería”.