EconomíaEconomíaÚltima hora

O 15 de decembro abrirase o prazo das axudas ao fomento da mobilidade sostible en adegas e establecementos das 5 Rutas do Viño de Galicia

A medida, dotada con 4 M€, enmárcase na aposta de Turismo de Galicia pola posta en valor dos recursos enogastronómicos e a optimización da experiencia enoturística

 

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar recentemente a convocatoria da liña de axudas que subvencionará a compra de bicicletas e patinetes eléctricos, así como a dotación de estacións de reparación e puntos de recarga, no territorio das Rutas do Viño de Galicia. A iniciativa suporá un investimento de 4M€ financiados polos fondos NextGeneration da Unión Europea no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia. O prazo de presentación das solicitudes abrirase o 15 de decembro ata as empresas poderán presentarse ata o 16 de febreiro de 2026.

A convocatoria céntrase no impulso á instalación e posta en funcionamento nos territorios das cinco Rutas do Viño de Galicia de bicicletas e patinetes eléctricos, estacións de reparación e puntos de recarga, así como a creación dun sistema de xestión destes vehículos eléctricos e a comunicación destas experiencias.

As axudas están dirixidas a aquelas persoas físicas e xurídicas titulares de establecementos turísticos de aloxamento e ás empresas titulares de adegas, sempre que cumpran unha serie de requisitos, como estar no territorio das cinco Denominacións de Orixe galegas -Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras- e dadas de alta no Rexistro Empresas e Actividades Turísticas da Xunta (REAT).

Catro liñas de actuación

Na definición da subvención contémplanse catro liñas de actuación. A primeira está centrada no establecemento de estacións de reparación para bicicletas e patinetes eléctricos e puntos de recarga para a adaptación ao cambio climático do destino –dotada con 1,6M€-, así como para a restauración paisaxística das áreas onde se crean os puntos de recarga, para o que se destinan 400.000€. Trátase da liña que concentra maior gasto.

A liña 2 abrangue a compra bicicletas e patinetes eléctricos destinados ao préstamo, e conta cun orzamento previsto de 920.000€. O terceiro eixo de acción correspóndese coa creación e implantación de proxectos dixitais que desenvolvan o sistema de xestión dos vehículos eléctricos, con 510.000€ de gasto estimados. Por último, contémplase unha partida focalizada na creación de sinalética e na comunicación e información das experiencias creadas cos vehículos eléctricos, para o que se reservan 545.000€.

Esta medida recoñece a peculiaridade da oferta enoturística, caracterizada pola súa dispersión, e afróntaa a través do fomento a mobilidade sostible, un proxecto que se enmarca no Plan Territorial Enoturismo de Galicia 2023-2025 que conta cun orzamento global de máis de 34M€. En concreto, desde Turismo de Galicia búscase incorporar a mobilidade a parte da experiencia enoturística, de tal modo que se promova un modelo respectuoso coa contorna.

Back to top button