OurenseÚltima hora

O 30ª OUFF baixa o pano cunha intensa gala de entrega de premios, salpicada de humor e emoción

Entregábanse 14 galardóns entre as Sección Oficial Internacional, Sección Oficial Panorama Galicia e Sección Oficial Curtametraxes, incluíndo as prestixiosas Calpurnias

 

Na noite do sábado no Auditorio de Ourense poñíase o broche a máis dunha semana marcada polo cinema na cidade de Ourense. A trinta edición do Ourense Film Festival chegaba a súa fin nunha intensa gala protagonizada polos premios e na que se estreaba o filme La deuda, de Daniel Guzmán.

A cerimonia contaba coa presenza de autoridades como o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor; o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles; o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo; xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e a xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez. Conducida por Lucía Rodríguez e Secun de la Rosa, a clausura combinaba humor, dinamismo e momentos de emoción para recoñecer o mellor do audiovisual galego e internacional, cun total de 14 premios entregados.

Durante a gala, o director artístico do festival, Óscar Doviso, fixo balance da súa primeira edición á fronte do OUFF, destacando que «chegamos ó final dunha semana intensa, chea de emocións, descubrimentos e encontros». O Ourense Film Festival é, sobre todo, unha viaxe compartida, e hoxe toca poñerlle punto e seguido. «Porque un festival non remata realmente: queda en nós, nas películas que vimos, nas conversas que tivemos e na pegada que deixa en cada espectador e espectadora». Doviso agradeceu de corazón ó público pola súa curiosidade incansable, ó equipo do festival pola súa dedicación, ás institucións como a Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia, e ós patrocinadores. Tamén tivo palabras para os creadores que confiaron no OUFF, para as Faíscas da residencia audiovisual e para os milleiros de visitantes da exposición Making Movies. Subliñou o compromiso do festival coa sostibilidade, anunciando que as caixas utilizadas nos photocalls e puntos violeta serán reutilizadas polo banco de alimentos.

 

 

O director da Axencia de Turismo de Galicia era o encargado de entregar o Premio do Público da Sección Oficial Panorama Galicia. Merelles destacou a traxectoria do OUFF, que celebra o seu 30 aniversario, e subliñou a relevancia para a proxección internacional de Galicia como destino de grandes eventos e para a cidade de Ourense.

Tamén recordou o papel do festival como plataforma de encontro para profesionais. Felicitou á organización e aos premiados ao tempo que incidiu no impacto económico na cidade e na súa imaxe ao exterior.

Pola súa banda, o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, congratulouse polo «absoluto éxito de público» en proxeccións e actividades organizadas polo novo equipo de dirección do festival, que segundo dixo permitiu comprobar nestes días que «Ourense quere cinema e que Ourense demanda cultura».

Luis Menor puxo en valor o «inmenso traballo» realizado con obxectivos ben definidos como apostar por unha programación de calidade, aberta a todos os públicos, con novas seccións, e con especial atención ós creadores ourensáns.

 

 

Destacou tamén a enorme acollida de público que tivo a Sección Oficial Panorama Galicia e a Sección Oficial Internacional, a proxección de películas en horario matinal, as numerosas proxeccións con todas as localidades vendidas, e a fidelidade do público co plan «Bonodiez».

Ademais de felicitar a todos os premiados, Menor agradeceu o «gran traballo» da nova dirección do festival liderada por Óscar Doviso, o apoio dos patrocinadores e «de cantas persoas contribuíron coa súa asistencia e participación a esta fantástica edición». Concluíu asegurando que «a Deputación de Ourense seguirá dando vida ó festival de cinema de Ourense, ó Festival de Cinema de Galicia»,

Un dos instantes máis destacados da gala foi a entrega da Calpurnia de Honra ó actor e director Daniel Guzmán, recoñecemento á súa sólida traxectoria e á súa mirada comprometida co cinema social. Antes da proxección da súa última película, La deuda, proxectouse un vídeo sorpresa de Luis Tosar, quen lle dedicou unhas palabras de afecto e admiración.A noite contou tamén cunha actuación musical a cargo de Luis Fercán, que contribuíu a manter a emoción e a atención do público ata o final da cerimonia.

 

 

Palmarés 30 OUFF

Calpurnia de Honra: Daniel Guzmán.

SECCIÓN OFICIAL INTERNACIONAL

Premio Calpurnia á Mellor Película: Sandbag Dam, de Čejen Černić Čanak (Croacia).

Premio Carlos Velo á Mellor Dirección: Cris Tapia Marchiori por Gatillero (Arxentina).

Premio Especial do Xurado: Utopolis (Grecia).

Premio ó Mellor Guión: Utopolis (Grecia).

Premio á Mellor Interpretación: Frank Dillane, por Urchin (Reino Unido).

Mención Especial: Lav Novosel, por Sandbag Dam (Croacia).

Premio Cima á Mellor Cineasta: Nayra Ilic por Cuerpo Celeste (Chile-Italia).

Premio do Público: Io e il Secco, de Gianluca Santoni.

 

 

 

SECCIÓN OFICIAL PANORAMA GALICIA

Premio Calpurnia á Mellor Película: San Simón de Miguel Ángel Delgado.

Premio Galicia Calidade á Mellor Dirección: Antón Caeiro por Lola.

Premio ó Mellor Guión: Lucia Dapena e Liliana Díaz por O Silencio Herdado de Lucía Dapena.

Premio AISGE á Mellor Interpretación: Lucía Veiga por Mi Ilustrísimo amigo de Paula Cons.

Mención Especial: O meu nome é Camba, de Aser Álvarez.

Mención Especial: Rapa, xente ao monte, de Alejandro Enriquez.

Premio do Público: Te separas mucho de Paula Veleiro.

 

SECCIÓN OFICIAL CURTAMETRAXES

Premio á Mellor Curtametraxe Galega: Hippocampus, de Xaime Miranda.

Premio á Mellor Curtametraxe Internacional: And That’s for This Christmas, de Peter Vulchev (Bulgaria).

Mención Especial: Boca de asno, de Carlos Calvar.

 

RECORDATORIO: As películas gañadoras poderán verse o domingo no Teatro Principal nos seguintes horarios:

  • 17:00 horas. Premio Calpurnia á Mellor Película de Panorama Galicia: San Simón.
  • 19:30 horas. Premio Calpurnia á Mellor Película Internacional: Sandbag Dam.
  • 22:00 horas. Premio do Público: Io e il Secco, de Gianluca Santoni.

 

Back to top button