BaloncestoDeportesÚltima hora

O 3×3 Valdeorras consolídase no Barco como unha alternativa de ocio saudable tras a boa acollida da súa primeira edición

A organización amósase"sumamente satisfeita" coa resposta do tecido empresarial e os participantes, aínda que no futuro apostará por atraer ao público infantil

 

Nesta fin de semana celebrábase o Torneo 3×3 Valdeorras, que pechaba na noite do sábado a súa primeira edición cun balance sumamente positivo, “consolidándose desde o seu nacemento como unha alternativa de ocio saudable ao aire libre no Barco de Valdeorras”. Dende a organización do torneo amósanse “sumamente satisfeitos” tanto pola elevada participación como pola proactividade amosada ao longo de todo o evento, destacando o apoio determinante do tecido empresarial valdeorrés, “que se volcou de cheo para facer posible a celebración da cita”.

A competición contaba cunha notable resposta na categoría de adultos, con 12 equipos inscritos, aos que se sumaron 3 conxuntos na categoría intermedia. Como dato curioso, os organizadores salientan “a gran cantidade de conxuntos procedentes de fóra da comarca de Valdeorras”. Con todo, engaden, “botouse en falta unha maior presenza de nenos participantes, un colectivo, para o que estaba pensado este formato na súa orixe” e no que confían gañar adeptos de cara ás vindeiras convocatorias.

 

 

 

Pensando xa no desenvolvemento do torneo en futuras citas, os promotores detectaron dous puntos de mellora: a necesidade de incrementar a iluminación das pistas deportivas para os partidos en horario nocturno e a conveniencia de habilitar unha zona de asentos nos arredores para acomodar os espectadores dos encontros.

 

 

Finalmente, dende a organización deste torneo trasládase o seu “profundo agradecemento aos xogadores e espectadores, ás empresas colaboradoras, aos patrocinadores e á Concellería de Deportes do Barco de Valdeorras por viabilizar este evento durante o período estival”.

 

 

 

Coa ollada posta no futuro, o equipo organizador atópase xa traballando na vindeira edición co obxectivo de seguir sumando participantes e público co paso dos anos.

Fotos cedidas pola organización do torneo.

 

Back to top button