
“O 85 % dos médicos do Hospital Público de Valdeorras, 62 facultativos, teñen praza en propiedade neste centro sanitario, grazas ao importante esforzo realizado pola Xunta de Galicia para completar e estabilizar o seu cadro de persoal médico, mediante toda unha batería de iniciativas destinadas a reducir a temporalidade e consolidar o emprego estable”, segundo vén de sinalar a través dunha nota de prensa a Xerencia da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco.
Así mesmo, sinálase que o Servizo Galego de Saúde convocou nos últimos anos diversas ofertas públicas de emprego (OPE) e procesos de estabilización, por concurso e por méritos, así como convocatorias específicas para prazas de difícil cobertura, que priorizan o tempo traballado en Valdeorras e incentivan o exercicio profesional no hospital do Barco, de cara á estabilización e futuros concursos.
“Grazas a estas medidas, a cobertura de prazas de especialistas incrementouse notablemente, pasando do 70 % ao 85 % actual -aínda sen rematar as quendas de cobertura dalgunha destas convocatorias-, reducindo á metade as prazas vacantes no hospital desde un 30 % a un 15 %. Isto significa que só 11 das 73 prazas de facultativos do Hospital restan por cubrir, o que supón un avance moi significativo”, indica a área sanitaria ourensá.
Pese ás dificultades de contratación de especialidades con alta demanda a nivel nacional, sen efectivos en paro, desde a Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, din, “continúase traballando activamente para contratar máis profesionais, nun esforzo continuado e sostido no tempo para garantir a estabilidade e a calidade asistencial no Hospital Público de Valdeorras”.
Dun 70 a un 85 % de prazas cubertas
Ademais, dende a xerencia da área sanitaria ourensá asegúrase que “neste intenso proceso de estabilización e cobertura da maior parte das prazas ofertadas no hospital foron cubertas con persoal fixo, o que supón un importante avance na consolidación do cadro médico, grazas a procesos periódicos e planificados de estabilización e difícil cobertura, que reduciron significativamente a temporalidade”.
E e engaden que “na actual situación de limitación e carencia nivel nacional de especialidades médicas, como desde a Consellería de Sanidade se vén alertando de xeito continuo ao Ministerio de Sanidade, calquera baixa laboral, ou redución de xornada, xustificada por maternidade, enfermidade, accidente, ect., o persoal médico é dificilmente substituíble. Afortunadamente o traballo en rede desde a Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras facilita a cobertura desde o resto de hospitais públicos a estas necesidades puntuais, en xornada ordinaria ou gardas, o que garante o mantemento da asistencia no Hospital Público de Valdeorras”.
Priorizar a atención no Barco
Igualmente, desde a Área Sanitaria “procúrase maximizar os procedementos asistenciais que se realizan directamente no Hospital Público de Valdeorras, co fin de reducir ao mínimo os traslados e asegurar que os pacientes poidan recibir o mellor coidado posible no lugar máis próximo ao seu domicilio”.
Mostra diso, indica a xerencia desta área, “son os hospitais de día onco-hematóxicos, con consulta de oncoloxía e tratamentos avanzados, de quimio ou inmunoterapia, directamente desde O Barco. Este modelo de descentralización de servizos, pioneiro a nivel nacional, cumprirá 20 anos en 2026 e aínda hoxe se está a implantar noutros hospitais comarcais galegos como no de Cee”.
Ademais da asistencia directamente desde o Barco aos pacientes a tratamento oncolóxico, desde hai anos o Hospital Público de Valdeorras dispón tamén de especialidades pouco habituais a nivel comarcal, ofertando consultas de neuroloxía, reumatoloxía, dixestivo e probas dixestoloxía e, desde hai uns meses, tamén de pneumoloxía.
Finalmente, dende a área sanitaria ourensá asegúrase que“ante a capacidade de atracción de talento das grandes cidades, sen dúbida, sería de axuda para mellorar as posibilidades de contratación dispoñer de mellores comunicacións viarias, como se está a ver, favorece a fixación de persoal noutros hospitais comarcais”.