EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

O actor barquense Christian Escuredo, pregoeiro na XXVII Feira do Viño de Valdeorras

O Consello Regulador asegura que deste xeito "aposta por artistas locais que levan o nome da comarca máis alá das súas fronteiras"

Cedida.

 

Diplomado en Educación musical, licenciado en Interpretación textual e posgraduado en Pedagogía teatral, o actor e cantante Chistian Escuredo, natural do Barco de Valdeoras, será o encargado de pronunciar o pregón no acto inaugural da XXVII Feira do Viño de Valdeorras que terá lugar o vindeiro venres 29 de maio no paseo do Malecón ás 19,30 horas.

Cunha ampla traxectoria profesional, ao longo da súa carreira recibiu numerosos galardóns pola súa destacada contribución á industria do entretemento. Acadou unha grande notoriedade e o recoñecemento do
público grazas ao seu papel protagonista en “33, El Musical” e ás súas interpretacións en series de éxito como “Fariña” e “Vivir sin permiso”. Na actualidade, é coprotagonista do musical “Houdini”, unha ambiciosa
produción que está a recibir unha excelente acollida tanto da crítica como do público.

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras “aposta así por artistas locais que levan o nome da comarca máis alá das súas fronteiras e que representan, co seu talento e traxectoria, os valores do esforzo, a excelencia e o compromiso coa cultura galega”, tal e como indica a D.O.

Ampla programación

A XXVII Feira do Viño de Valdeorras reunirá a 22 adegas e ofrecerá un amplo programa de actividades que incluirá catas, actuacións musicais e diversas propostas culturais e gastronómicas. O evento consolídase un ao máis como unha cita de referencia do enoturismo en Galicia, poñendo en valor a calidade dos viños da comarca e a riqueza do patrimonio vitivinícola

Back to top button