Música, humor, pero sobre todo moitas lembranzas, agradecementos e emocións. O Club Adas Cupa do Barco lembraba a súa longa, intensa e exitosa traxectoria atlética de 43 anos nunha gala-aniversario que enchía na noitiña do 24 de outubro o Teatro Lauro Olmo do Barco.
Dende a posta en marcha desta entidade deportiva son moitas as xeracións de nenos que se levan formado nos valores deportivos a través do atletismo. Nenos que foron medrando e se converteron en pais de novos atletas e mesmo en avós. Esas xeracións de deportistas, adestradores, xuíces, colaboradores e impulsores dos proxectos do Adas recibían nesta cerimonia un recoñecemento.
A celebración comeza coa música de Nerea Jiménez, que despois intercalaba algunhas das entregas dos galardóns, e continuaba cun acto inaugural no que interviñan o presidente do Club Adas ao longo destes 43 anos, Agustín González “Tinín”; a deputada provincial delegada especial para Valdeorras, María Carmen González; o presidente da Federación Galega de Atletismo (FGA), Iván Sanmartín; o delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; e o alcalde do Barco, Aurentino Alonso. Ademais o acto contaba coa presenza doutras autoridades como o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles; e o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos.

Agustín González daba a benvida a este acto, recordando como en 1982 “comezamos un proxecto que chega hoxe á súa madurez e aquí reviviremos os nosos primeiros anos así como a historia do atletismo valdeorrés nestes 18 últimos anos, poidades desfrutar e emocionarvos co que vos temos preparado. Acadáronse resultados e vivencias colectivas que nin por asomo se nos pasaron pola cabeza cando decidimos crear o club. Os e as máis de 300 medallistas nacionais individuais, os 41 podios nacionais por clubs nas diferentes categorías, a construción da pista Luis Nogueira do Barco, a posta en marcha da oitava delegación de atletismo da FGA en Valdeorras, a creación do comité de xuíces de Valdeorras, 4 campionatos nacionais organizados na comarca, os máis de 30 campionatos autonómicos de campo a través e pista ao aire libre organizados no Aguillón da Rúa e na pista Luis Nogueira do Barco, así como os máis de 3.000 medallistas autonómicos dende Sub10 a máster acadados nesta etapa, axúdannos a seguir traballando para que o atletismo siga crecendo na nosa comarca”.
Ademais, Tinín facía fincapé na aposta do club polo deporte base e pola igualdade, “así como polos valores educativos do atletismo segue a ser o santo e seña do noso club, sendo as escolas de atletismo do Barco, Trives e A Rúa, con máis de 120 nenos e nenas de toda a comarca o seu máximo expoñente”.
Aludía tamén o presidente do Adas aos novos retos que lle quedan por conseguir ao club, entre os que destacaba a “construción dun módulo de atletismo na comarca, polivalente e no que se poida compartir actividade con outros deportes e actos, debe ser o seguinte paso imprescindible para que o noso deporte puidera estar nas mesmas condicións de igualdade que outras zonas da comunidade”. O segundo obxectivo que mencionaba Tinín, matizando que quizais sexa o máis importante, é “a renovación e continuidade cando os que agora diriximos o club xa non esteamos, porque como me dixo un día un familiar non te esquezas dunha cousa, unha obra non é unha boa obra se non sobrevive ao seu creador“.
A continuación o presidente da FGA, Iván Sanmartín resaltaba que para a “federación galega e para min é un enorme pracer estar hoxe aquí nesta gala tan emotiva. Coñezo a historia deste club, pero non tanto como Isidoro Hornillos, que está aí sentado e foi 16 anos presidente desta federación”. Sanmartín trasladaba “a todos os que formades parte desta historia do atletismo, políticos, atletas, pais e nais… todas as persoas vencelladas a este club o noso agradecemento, sen vós todo isto non sería posible. Temos que seguir medrando”. Tamén tiña unhas palabras moi agarimosas para o seu presidente, Agustín González, que “para min es o pai deste club, moitas grazas por todo o que estás facendo e moitas grazas a todos por manter a historia do Adas do Barco”.
Tamén interviña a deputada provincial María Carmen González, quen felicitaba ao conxunto do club polos seus 43 anos e animaba a Tinín a continuar “por outros 43 anos máis”. Así mesmo, expresaba o agradecemento da Deputación de Ourense ao labor desta entidade deportiva “polo seu tempo e compromiso, e polo labor que ten feito pola mocidade de Valdeorras”. Pola súa banda, o delegado da Xunta en Ourense, manifestaba os seus parabéns ao Adas “polo seu traballo nestes 43 anos” e desexando que continúen, cando menos, outros “43 anos máis de éxitos e de labor”, así como ao equipo de Deportes da Delegación da Xunta na provincia, e aos galardoados na gala.
Finalmente o alcalde do Barco, Aurentino Alonso, aseguraba que constitúe “unha honra e un pracer cando un viaxa por Galicia e por España adiante e nomea o Adas, xa que é coñecido en todos os foros atléticos, saben que é un club moi potente de Galicia e que está en Valdeorras e iso é unha gran satisfacción. E, dende logo, todo ese listado de medallas e trofeos, hai poucos clubs que poidan ter tanta vitrina para tanto recoñecemento. En todo caso felicidades por estes 43 anos e longa vida ao Adas”.
Os recoñecementos aos atletas
A partir de aí proxectábase un vídeo que repasaba a historia do Adas dende os seus inicios ata hoxe e dábase paso, intercalados con música de Nerea Jiménez e tamén co humor de Guti Alonso, a unha longa listaxe de recoñecementos que comezaban polos atletas destacados do club nos últimos 18 anos, organizados en categorías.
A primeira delas era a dos medallistas do club nacionais na etapa Sub16, Sub18 e Sub20, que eran os seguintes: Lorena Guitián, Antonio Prada, Belén García, Xiana Pungín, Ana García, José González Portero, Damián Anta, Javier Cid González, Aaron Pérez, Tania Peláez, Paula Cela, Pablo García, Mateo Valcarce, Andrés Álvarez, Irina Sánchez.

Logo distinguíase ao equipo Sub23 feminino, que facía historia ao converterse en campión de España absoluto por clubs en cross curto no ano 2023 en Soria. Estaba formado por María Cedrón, Sara López, Inés Docampo, Celia Carracedo e Lucía Vázquez (equipo asociado). Recibían unha mención especial Celia Carracedo, Sara López, Inés Docampo, Iria Fernández e Leticia Fernández.
Ademais había recoñecementos para os atletas másters do club, “un dos grandes valores dentro da estrutura do club”, con 13 campionatos de España por equipos, 7 pratas e 3 bronces, e xa, a nivel individual: 94 ouros, 64 pratas e 50 bronces.
Nese intre, antes das entregas rendíaselle unha pequena homenaxe ao atleta Luis Nogueira, natural de San Vicente de Leira (Vilamartín), con títulos galegos, nacionais e mesmo mundiais como veterano. E, comezaban as entregas aos másters do Adas: Luis Nogueira (recollida polo seu irmán), Carlos Revuelta Méndez, Xulio Ventín, José Manuel Bao, Roberto Faya, Manuel García Alfonso, Iván Fernández Rodríguez, Javier Cid Vázquez, Chuchi Fernández de Miguel, Pacho García, Iván Docampo, Aurora García Emilió (recollida polo seu irmán) e Mónica Yáñez.

Mencións especiais
Outro dos apartados máis longos de premios era o das mencións especiais a diferentes persoas que teñen colaborado de xeito importante co club, polo seu labor desinteresado. Eran para o médico Andrés Docampo, Paco Bao atleta veterano, Ana Raquel Revuelta (recollía a súa mai), José Barreiro, Pepe Girís, Manolo Castro, Avelino Barros, Domingo González, Diana Álvarez, Fernando Gil, Ricardo Galcerán, Roberto Benito, Eladio Santos, Lalo Gómez, Toni González, Miguel Ángel López, Kissy Torres, Carlos Bericat e Julio Pérez Veiga.

Atletas absolutos e Sub23 con medallas a nivel individual e por equipos
A gala facía unha paréntese para lembrar, cun vídeo de agradecemento, unha fazaña histórica do Adas no 2012, cando se proclamaba campión absoluto por clubs na segunda división, o que lle permitía ascender a división de honra. Despois comezaba a entrega de distincións a atletas e equipos absolutos que lle correspondían a Alejo Ares Prada, Carlos Revuelta Parra, Leticia Gil Pérez, Gilberto Álvarez, Roberto Benito Díaz.

Adestradores do club
Facíase tamén un recoñecemento expreso aos adestradores do Adas con premios para Ana Belén Blanco, Maribel Rodríguez, Tino Sierra, Manuel Alejandre, Guti González, José Peña, Pablo Díaz e Rocío Benito.

Ademais na gala recoñecíase a outros colaboradores, entidades e patrocinadores que recibían premios e concluía cunha homenaxe especial ao presidente do Club Adas, Tinín, durante estes 43 anos.
Máis información:
Emotiva homenaxe a Tinín do atletismo valdeorrés na gala do 43 aniversario do Adas do Barco
Premios para colaboradores, entidades e institucións na gala do Adas polos seu apoio ao club
Fotos: Carlos G. Hervella.
Vídeos: O SIL.