
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, avaliou hoxe co alcalde de Manzaneda, Pedro Yáñez, os avances nas obras de mellora que o concello está a realizar na residencia de maiores municipal e que a Xunta financia con 300.000 euros. Esta actuación, que está na súa recta final, forma parte do Plan de Investimentos para a construción, reforma ou ampliación de centros de maiores de titularidade municipal.
A reforma desta residencia inclúe a mellora das condicións de seguridade e accesibilidade, así como da eficiencia enerxética do inmoble, mediante a renovación da instalación térmica e a actualización do sistema eléctrico que dá servizo ao ascensor. Así mesmo, a intervención supón a remodelación da zona de enfermería e das habitacións.
Fabiola García sinalou que esta actuación responde ao compromiso do Executivo autonómico de seguir reforzando a rede de recursos de proximidade. De feito, a través do Plan de Investimentos, crearanse 650 novas prazas públicas de atención residencial e en centros de dia nunha vintena de concellos. A Xunta destina a este plan 18,5 millóns de euros de fondos do Mecanismo de Recuperación Transformación e Resiliencia da Unión Europea (NextGenerationUE) e foi acordado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).
Cesión dun inmoble e SAF
Outro dos asuntos abordados na xuntanza foi a cesión ao concello, o pasado mes de decembro, dun edificio construído pola Xunta hai anos para albergar un centro de día, que finalmente no chegou a entrar en funcionamento. A edificación atópase na mesma parcela que a residencia municipal de maiores, polo que o concello xa pode dispoñer do inmoble para usos que complementen ao servizo residencial, se así o considera. Está previsto que o concello, coa colaboración da Xunta, faga un estudo para optimizar os usos deste espazo, que permita unha ampliación de prazas da residencia.
Por outra banda, a conselleira avanzou ao alcalde que xa pode acollerse ao incremento da achega autonómica ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF). Unha suba que é posible grazas ao acordo asinado entre a Xunta e a Fegamp, e pola que o Concello de Manzaneda poderá recibir preto de 350.000 euros en tres anos.