
O alcalde de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez Blecua, vén de ser recoñecido como unha das tres autoridades locais destacadas polo Partido Popular Europeo no Comité Europeo das Rexións, no marco do primeiro aniversario da EU Local Councillors Network, unha rede europea que agrupa representantes locais de toda a Unión. Este rexedor foi ademais o único representante español entre os 12 finalistas iniciais desta rede europea, que reúne a líderes locais de distintos países e sensibilidades políticas.
Agora, dentro dese grupo, o PPE destaca o seu papel xunto ao búlgaro Todor Yosifov e á eslovena Mojca Erjavec, sinalando tres liñas clave para o futuro de Europa: economía local, participación xuvenil e revitalización do rural.
No caso de San Xoán de Río, Europa pon o foco nun modelo claro: facer fronte ao despoboamento activando o territorio desde dentro, co emprendemento feminino como eixo de cambio. Este recoñecemento chega tras o VI Congreso da Muller Rural, que reuniu alcaldesas e lideresas galegas e que xa está a xerar un efecto directo: a incorporación de novas representantes do rural á rede europea.
“Nun contexto no que o 80% do territorio europeo só concentra o 20% da poboación, a mensaxe é contundente: o rural debe ter mais presenza en Europa. San Xoán de Río demostra que Europa tamén se constrúe desde os concellos máis pequenos… cando hai liderado e ambición”, comenta Xosé Miguel Pérez.