O rexidor de Vilar de Santos, Xan Jardón, acudía na mañá do 2 de abril ao Parlamento galego para rexistrar unha solicitude de comparecencia voluntaria na Comisión 6ª de Industria,Enerxía, Comercio e Turismo para abordar a facturación indebida de enerxía reactiva no alumeado público aos concellos por parte das eléctricas. O seu obxectivo é “tratar e explicar este tema dada a alarma social xerada e a indefensión que sentimos os concellos galegos diante das empresas subministradoras eléctricas”.
Na súa solicitude, Jardón tamén demanda do Parlamento galego “unha investigación para corroborar o que xa está constatado polos concellos galegos: a facturación incorrecta por parte das eléctricas”, así como que se requira á Comisión Nacional de Enerxía (CNE) para saber “cal é a súa posición ao respecto e se comprobe se as teses defendidas por este organismo son correctas e acordes coa lexislación vixente”.
Asemade o alcalde de Vilar de Santos solicita á Cámara galega que “defenda os intereses dos concellos e dos consumidores galegos e requira á Xunta de Galicia para que actúe, no prazo máis breve posible, e faga unha mostraxe xeral sobre a facturación das compañías subministradoras de enerxía eléctrica e adopte as medias que procedan”.
Foto: cedida polo Concello de Vilar de Santos