ConcellosO BoloÚltima hora

O alcalde do Bolo transmítelle as necesidades na traída de augas do municipio á conselleira de Medio Ambiente

Afectan principalmente ao lugar de Lentallais e ao propio núcleo do Bolo, segundo o rexedor, Miguel Ángel García

 

A Xunta de Galicia e o Concello do Bolo avaliarán posibles vías de colaboración co fin de mellorar o funcionamento actual dos servizos destinados a garantir o abastecemento e o saneamento do municipio. Así o acordaron a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde do Bolo, Miguel Ángel García, durante unha recente reunión na que abordaron este e outros asuntos de interese municipal no eido das súas competencias.

Neste sentido, o rexedor ourensán expuxo cales son os principais problemas existentes nestes momentos na traída municipal do municipio, que afectan principalmente ao lugar de Lentallais e ao propio núcleo do Bolo. De feito, explicou que o Concello conta xa con dous proxectos básicos redactados para renovar as instalacións de abastecemento que dan servizo a estes puntos.

Pola súa parte, Ángeles Vázquez incidiu en que a Xunta continuará prestando o seu apoio técnico e económico aos concellos a través de Augas de Galicia para que poidan exercer as súas competencias de saneamento e abastecemento de xeito máis eficiente e prestar uns servizos de calidade á veciñanza.

Así, trasladoulle ao rexedor que en 2026 o organismo hidráulico volverá convocar as súas principais liñas de axudas dirixidas a entidades locais, destacando entre elas algunhas das que máis éxito teñen, como as subvencións para reducir as infiltracións nas redes municipais ou para a reparación de fugas e perdas de auga e as destinadas a realizar auditorías sobre o funcionamento das redes de abastecemento e saneamento.

 

 

Ademais, tamén lle trasladou ao alcalde que as próximas convocatorias dirixidas a concellos e a particulares para a instalación de sistemas de depuración autónomos se estenderán, por primeira vez, ao conxunto da comunidade, de xeito que non só se poderán beneficiar os municipios e a veciñanza pertencentes á Demarcación Galicia-Costa senón tamén os do resto de confederacións hidrográficas, entre elas, a do Miño-Sil, á que pertence o concello do Bolo.

De feito, o apoio de Augas de Galicia para garantir a prestación dos servizos hidráulicos municipais traducirase nos orzamentos do próximo ano en 12,6 millóns de euros repartidos entre distintas liñas de axudas (un 70% máis que a partida reservada este ano) dirixidas principalmente ás entidades locais pero tamén nalgún caso a particulares, comunidades de usuarios de traídas veciñais e asociacións.

Por último, o alcalde tamén aproveitou a reunión para abordar outros asuntos de interese para o concello relacionados con ámbitos que son competencia da Consellería, entre eles, a xestión dos residuos urbanos de orixe doméstica ou a posta en valor do patrimonio natural e fluvial do municipio.

Back to top button